A canteira do Arousa xogará co Real Madrid en Valdebebas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Os cadros de División de Honra xuvenil e cadete viaxarán á capital de España en marzo

23 dic 2022 . Actualizado a las 21:55 h.

Os dous equipos de referencia da canteira do Arousa, o xuvenil e o cadete da División de Honra de cadansúa categorías, viaxarán o vindeiro 1 de marzo á capital de España para coñecer a cidade deportiva do Real Madrid e medir en Valdebebas as súas forzas á canteira do coloso merengue.

O cadro cadete A do club vilagarcián, que avanza terceiro na Liga do seu grupo tan só por detrás do Deportivo da Coruña e do Celta de Vigo, enfrontaráse ao cadete B do Real Madrid, que ocupa a mesma posición na División de Honra da capital do Estado. Pola súa parte, o xuvenil A do Arousa, que chegou ao parón do Nadal fóra dos postos de descenso na que é a estrea do club na máxima categoría de formación do fútbol español, xogará en Valdebebas co Real Madrid C, líder do Grupo 1 da Primeira Autonómica Xuvenil madrileña.

A experiencia parte das xestións que o presidente do club arlequinado, Manolo Abalo, realizou ante o responsable da canteira do Real Madrid, Manu Fernández. O mandatario do Arousa enmarcou a chegada a bo porto das mesmas ao enorme crecemento da canteira da entidade nos últimos anos: «El fútbol base del Arousa es uno de los mejores de Galicia en la actualidad, como indican los resultados y los jugadores que van saliendo. Hemos mejorado mucho con el trabajo de los últimos años y cada vez vemos que en Galicia y en España valoran más nuestro trabajo». E a visita a Valdebebas é boa mostra diso: «Que un club tan grande como el Madrid se brinde a recibirnos y valorarnos es una gran satisfacción y un premio para los chavales y entrenadores», sinala Abalo.

Na mesma liña, o presidente do Arousa salienta: «Por suerte o por desgracia han sido varios los futbolistas de nuestra cantera que han ido a parar al Celta y Deportivo» e cada vez son máis os equipos que están a seguir os futbolistas da base vilagarciá. Unha realidade que, lonxe de preocupar a Manolo Abalo, o enche de satisfacción: «Nosotros queremos que los chavales crezcan deportivamente y lleguen a la élite. Que clubes como Alavés o Villarreal se interesen por nuestros jugadores significa que algo se está haciendo bien».

O presidente, na asemblea da RFEF

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, participou esta semana na asemblea xeral extraordinaria da Real Federación Española de Fútbol, na que se aprobaron os seus orzamentos para o 2023. Abalo, asembleísta da RFEF, participou na xuntanza xunto ao presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e departiu co mandatario da RFEF, Luis Rubiales.