Grande acollida a «Paz» e á súa iniciativa solidaria en Metrópolis Comics

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

David Rubín ofrecerá o vindeiro sábado unha sesión de firmas da súa última obra na libraría de Vilagarcía

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O historietista vilagarcián David Buceta e o guionista vigués David Braña tiveron onte unha intensa sesión de traballo no local de Metrópolis Cómics en Vilagarcía. A primeira sesión de sinaturas de exemplares na libraría especializada en banda deseñada desde a súa inauguración, hai dous anos, a escasos metros da Praza de Ravella, resultou todo un éxito e, con ela, a intención coa que un grupo de 62 autores de toda España participaron na creación de Paz.

Durante todo o día despacháronse en Metrópolis Comics vinte exemplares da obra colectiva impulsada por David Buceta, cuxos beneficios irán destinados a contribuír ao financiamento do labor de apoio aos refuxiados pola guerra de Ucraína que prestan as oenegués World Central Kitchen, do chef español José Andrés, e Médicos sen Fronteiras. Buceta e Braña non só estamparon as súas sinaturas nos exemplares despachados, tamén os acompañaron dunha pequena mostra das súas respectivas calidades artísticas co lapis.

O sábado 3 de decembro, Metrópolis Cómics terá unha nova sesión de sinaturas. Desta volta, dun dos grandes autores galegos de banda deseñada, David Rubín, que presentará a edición en galego da súa última obra, O Lume, na semana da súa saída á venda.