«Ádega non é un cineclube para gafapastas que programa pelis coñazo»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O cineclube vilagarcían ofrece ao público filmes variados, de xéneros e culturas distintas... Son todos traballos de calidade, pero a calidade, din, non ten que ser aburrida

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ano 2015. O Cinecluhe Ádega afrontaba unha profunda crise: sen apenas apoio das administracións, ese colectivo de amantes da sétima arte non tiñan recursos para alugar os minicines, para proxectar películas. En perigo de extinción, un grupo de xente decidiu coller o temón do barco e «empezar unha nova singradura». Cóntanolo Xabier Marqués, o secretario do Cineclube Ádega, una entidade que, recorda, botou a andar no ano 1976. «Somos o cuarto cineclube máis antigo de Galicia; antes foron Ourense, Lugo e Pontevedra», relata. «Nos setenta había unha especie de valeiro cultural, a xente tiña necesidade de ver outro tipo de películas, mais aló do cine mainstrime, e unha serie de entusiastas decidiron xuntarse e montar un cineclube».

—Non cambiou tanto a cousa... Seguen a ser uns entusiastas que se reúnen para ver cine nun momento no que as salas comerciais pechan e a maioría da xente prefire ver series...

—Si, houbo un cambio da pantalla grande á pantalla pequena... Nós dende que chegamos, tivemos claro que lle queríamos dar unha volta á idea do cineclube típico. Ao principio os cineclubes tiñan a aureola de ser algo para catro barbudos que vían cine de autor. Nós non somos un clube para gafapastas que programa pelis que son un coñazo. A nosa idea é xusto a contraria: facer unha cousa moito máis dinámica, activa, multidisciplinar. Por exemplo, metemos música en directo nalgunhas proxeccións, temos feito baile, presentacións, a semana de cine... E estamos obtendo boa resposta, porque xente nova que non adoita ir ao cine e que se achega a unha proxección con música en directo flipa, e descubre que non é o mesmo ver unha película en pantalla grande.

—Adoitan colaborar con outros colectivos ou entidades. Forma parte dalgún tipo de estratexia?

—Temos colaboracións con distintas entidades. O 25 de novembro, por exemplo, colaboramos co Concello, co CIM, e imos proxectar unha película escollida por eles. Pero si, sempre tentamos colaborar con asociacións coas que temos algo en común ou algún vínculo... Coa banda de música de Vilagarcía temos colaborado: o valor que se lle dá ao cine popular no exterior, con música en directo, é algo que non se pode describir con palabras, hai que sentilo. Buscando cousas novas, contactamos con outras asociacións, como os Amigos Pobo Saharaui, xente de swing coa que fixemos exhibicións de baile, obradoiros con outras asociacións...

—Aínda que as películas para gafapastas tamén terán un oco, non?

—Claro. A nosa idea é tocar todos os paus. Mantivemos o compromiso orixinal do ano 1976 de proxectar unha película máis clásica e outra máis moderna, porque hai xente á que lle encanta revisitar o cine máis ou menos clásico —e non quero dicir películas vistas mil veces, senón en ocasións clásicos esquecidos—. E hai oportunidades impresionantes, como Wanda, a película que proxectamos o outro día, que é un luxo, creo que nunca se proxectara en Galicia. Hai espazo para todo, unha comedia, unha película máis mainstream, unha máis de gafapastas... Eu creo que todo o mundo debe poder acceder ao cineclube. O cine é desfrute e iso non está reñido para nada coa riqueza intelectual.

—Pero aínda hai quen pensa que son cousas incompatibles?

—Hai. E a realidade é que hai películas de calidade marabillosa e que son moi populares. Aí está o caso de Parasitos, cunha calidade visual e de guión moi boa. Poder ofrecer todo tipo de cine, e de historias, é un dos acicates para participar nun cineclube. Debemos ser unha fiestra aberta a moitas cinematografías; unha das nosas funcións é abrir á xente a posibilidade de ver cousas feitas noutros sitios, noutras culturas, noutras linguas. A xente ás veces sae asombrada pola calidade de traballos feitos con catro duros en Latinoamericana, en Irán... Hai moito mundo ademais de Hollywood, moito. Nin mellor nin peor, que Hollywood tamén ten moito interese.

Un traballo en equipo

Xabier Maqués é o secretario dunha directiva que preside Fernando López e da que tamén forman parte Natalia Da Silva e Alberto Ibáñez. Dirixen unha asociación formada por 120 socios, «xente moi fiel» que nalgúns casos leva toda a vida asistindo ás proxeccións «e se faltan a algunha poñémoslle falta». O perfil do asociado é o de xente que goza do cine e que non ten problema en dicir que unha película non lle gustou, «tampouco no contrario». Cunha media de 40 asistentes ás proxeccións, medra a sensación de familiaridade, a confianza. «E todo dende o respecto. Non nos gusta o tufillo de elitismo intelectual que hai nalgúns sitios: sabemos que entre o público pode haber xente que saiba máis de cine ca nós. Á directiva tócalle facer de todo un pouco. «Vivimos da ilusión» e da paixón de quen adica todo o seu tempo libre a investigar, a rastrexar películas, a buscar o bo cine alá onde estea... Xente xenerosa, ao fin e ao cabo, porque gozan compartindo os seus achádegos.

—Os subtítulos espantan á xente?

—A xente que vén ao cineclube xa sabe a que vén, sabe que vai haber subtítulos e ademais agradéceno. O que si nos gustaría é que houbera máis películas subtituladas en galego, pero non é sinxelo. Pero tamén queremos tirar do noso. Temos traído a Oliver Laxe, e a realizadores galegos que teñen feito aquí presentacións.

—Ademais da Semana de Cine, que é unha das xoias do verán en Vilagarcía, que outras propostas teñen?

—Pois está o tema das películas con música en directo, as presentacións de libros, algunha mesa redonda... Facíamos, e queremos retomala, unha actividade que se chamaba «Pincho e curto», que consistía en sacar o cine da sala e levalo aos bares, e un xoves cada dous meses ofrecíamos curtas mentres a xente se tomaba unha caña e un pincho.

—Postos a sacar o cine das salas, lévano ata a praia...

—E é un pracer. Para min é unha marabilla, porque goza todo tipo de público. Obviamente, o cine que podes poñer na praia non pode ser demasiado denso. Agora temos unha idea, que vimos noutro cineclube, que consiste en dramatizar a peli que se vai proxectar ben cun grupo de teatro, ben proxectándoa nun escenario que estea relacionado co tema do filme. Imaxínate: proxectamos no parque do Castriño O proxecto da bruxa de Blair. Ese tipo de cousas é unha forma de atraer á xente, de vivir a experiencia do cine de moitas maneiras

—Cales son os seus plans para o ano que ven?

—Gustaríanos consolidarnos. O feito de que o Concello nos cedera o uso do Salón García foi fundamental para que chegaramos ata aquí. Creo que a todo concello cunha visión cultural ampla, e creo que este a ten, lle interesa ter unha programación estable. A nós gustaríanos que nos cedesen un local para poder centralizar o traballo, contratar a unha persoa... Son cousas das que estamos falando.