Os socios de Zona Aberta e de Ahituvi votarán este mes a súa fusión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

As directivas das dúas entidades confían no si maioritario ao acordo

02 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A unión nunha única casa común do comercio e da hostalería de Vilagarcía está a un paso de poder converterse nunha realidade. As directivas de Zona Aberta, con Rocío Louzán á cabeza, e de Ahituvi, presidida por Félix Acuña, convocarán ao longo do presente mes os seus socios para, cada unha polo seu lado, someter á súa votación o acordo de fusión que remataron de pechar a finais de setembro.

O documento, que recolle a integración do sector da restauración e da hostalaría da capital arousá hoxe reunido arredor de Ahituvi no seo de Zona Aberta, foi cociñado en cuestión de menos de medio ano, segundo os seus artífices, logo de que ambas as dúas partes establecesen as primeiras conversas con tal fin a pasada primavera. E as directivas dun e doutro lado dan por feito o si maioritario dos seus representados.

A primeira en someter a fusión a votación será Ahituvi. O presidente da Asociación de Hostelería e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía, Félix Acuña, falaba onte de mediados deste novo mes de novembro para a celebración da asemblea dos arredor de 45 socios da entidade, integrada por titulares de bares, de cafeterías, de pubs, de restaurantes, de hostais e de hoteis da capital arousá. Acuña dá por feito o si á fusión por absorción: Confío en que se aprobe, polo sentir maioritario dos nosos asociados e polo que me din de Zona Aberta».

Na mesma liña se manifesta desde a asociación de comerciantes a súa presidenta. Rocío Louzán: «Eu penso que non haberá ningún problema para a fusión». No caso de Zona Aberta, a previsión que manexa a súa directiva é a de convocar a obrigada asemblea de asociados a finais deste mes. Se os integrantes de Ahituvi deberán acordar a súa integración en Zona Aberta, os titulares dos 127 establecementos desta última decidirán se proceden ao cambio dos estatutos da súa entidade para ampliar a súa condición de asociación de comerciantes para dar tamén cabida á restauración e á hostalaría locais.

Louzán e Acuña comparten o seu desexo de pisar o acelerador e completar a unificación do sector terciario de Vilagarcía antes de que acabe o ano para comezar a traballar cunha soa voz e estratexia de cara á, para moitos dos seus membros, campaña máis importante do ano, a de Nadal.

De saír adiante a proposta das directivas de Zona Aberta e de Ahituvi, unha das primeiras accións previstas na entidade será a de ver de contratar un segundo traballador que faga equipo coa xerente de Zona Aberta.