Cándido Meixide: «Vilaxoán precisa dunha política de discriminación positiva»

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O presidente da Asociación de Veciños de Vilaxoán afronta mañá a primeira asemblea ordinaria, que marcará o inicio do curso, fixará as pautas de traballo do colectivo e abrirá un novo tempo 

22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Veciños de Vilaxoán celebra esta fin de semana asamblea. A nova directiva, encabezada por Cándido Meixide, quere marcar con este encontro o inicio dun novo curso. Porque o seu equipo, que colleu os mandos da entidade este mesmo verán, está traballando dende o primeiro momento, malia que sexa «un traballo invisible» que agora queren trasladar á veciñanza, á que queren implicar, ademáis, no seu proxecto principal: recuperar a identidade de vila de Vilaxoán.

- Non é un obxectivo fácil de cumprir. Como pensan afrontalo?

- A xente de Vilaxoán teno claro, sabe de onde é. Podemos xuntar xente de Vox con xente do Bloque  para afrontar un problema común porque hai ese sentimento. A historia foi forxando esa manera de entender a vila, pero dende hai anos esta foise desmembrando. Houbo unha perda de industria, de demografía, mesmo de coidados domésticos que son propios do día a día e que se foron descoidando porque se nos considera como unha parte dun gran todo que é o concello. A xente de Vilaxoán ten a percepción de que isto está abandonado. Niso inflúe o problema demográfico, porque hai moita xente de Vilaxoán que está marchando para as torres, ou para O Piñeiriño... Abandóanse as casas... É certo que hai xente que está comprando, intuimos que con intención de adicar esas casas a alugueiro turístico, e nós estamos un pouco en contra deste plantexamento. Nós  o que queremos é recuperar demografía. De que nos vale ter cincocentas personas que ocupen casas no verán? Nós o que queremos son persoas que vivan aquí, que compren o pan, que fagan vila... Que sentido ten vilaxoán se non ten xente?

-Sinten que o Concello non recoñece as singularidades de Vilaxoán?

-Eu penso que non, que o Concello non recoñece a identidade de Vilaxoán.Con Carril penso que si ten ese concepto, porque Carril ten a súa economía. Perderon todos os servizos, non hai nin consultorio, nin banco, nin Correos... Non teñen eses servizos que conforman unha vila, pero teñen a ameixa e a economía que hai arredor dela, teñen gastronomía, teñen Cortegada... Vilaxoán non ten nada diso. Ademais, como dicía algún, como dende Vilagarcía non se ve Vilaxoán... Agora nós  enfrontámonos a unha dinámica moi complexa, que arrancou coa plataforma Esperta Vilaxoán, cando queríamos facer visible Vilaxoán e cuestionamos á asociación de veciños que... Xa non sei se decilo, porque cada vez que o digo xa me din que 'como eres militante del Bloque'... Eu non son militante do Bloque. Formei parte dunha lista do Bloque, como independiente, e no número 15... Ese é o meu gran pecado. Volvendo ao tema da asociación. Había un concelleiro que era vogal da directiva da asociación. Era xuíz e parte. Ese tipo de cousas eran tan naturais que a nós nos chamaba a atención... Como outras cousas. Na asociación veciñal en activo decana de Galicia, non se facían asambleas, considerábanas un formalismo. Durante moitos anos, as directivas se teñen retroalimentado, e converteuse nalgo normalizado. O domingo imos facer unha asamblea ordinaria que hai moitos anos que non se fai. E é algo obrigado, isto é unha asociación de veciños, non un grupo que se xunta para xogar á petanca. 

 -Falan a cotío da necesidade de implicar á veciñanza na asociación. Vai ser fácil?

-Si, queremos buscar esa gran masa de socios e socias, que mediante unha cota adquiran un compromiso. Ata o de agora non había cotas, porque hai un convenio de 1.800 euros co Concello que garante as cousas que necesita a asociación. Pero a asociación non manexa cartos, son vales. As cousas que se adquiren con eses fondos son do Concello, non da veciñanza.  A cambio, a asociación ten que xestionar o local veciñal, abrilo pola semana, atendelo... Temos que pensar se nos compensa manter ese convenio, porque hai moitas asociacións que gastan eses cartos  so na limpeza dos locais. Xestionar unha instalación así consume tempo. Pero por outro lado, ten unha parte moi interesante: podemos activar ese local para que sirva para facer algo máis que festas e bingos. Gustaríanos, por exemplo, ter unha programación cultural estable alí.

-Como está esa idea de dotalo dunha programación cultural estable? Xa tiveron una reunión coa concelleira de Cultura, Sonia Outón.

-Con Sonia Outón resolvemos, primeiro, que o local tivera chaves novas e que se arranxasen algúns problemiñas de luces. Falamos tamén da posibilidade de introducir cuestións culturais que cheguen ao Concello e que se poidan desplazar alí. Coa Deputación temos que mirar determinados programas, e plans que ofrece, pero nos que ás veces hai que poñer parte dos fondos, ou conseguir que os poña o Concello. Obviamente, imos intentar tirar do que sexa para nós económicamente interesante, porque non temos cartos. A cota que imos poñer vai ser, máis que nada, para ter unha caixa para gastos: tinta, fotocopias... Ese tipo de cousas.

 -De canto sería esa cota?

-Poderían ser uns dez euros ao ano. Unha cantidade asumible, pero que force un pouco aos socios a ser socios. Nas eleccións do 2019 houbo que facer un censo novo e contáronse 156 socios. O día das eleccións non chegaron a votar nin corenta. Iso significa que hai moitos socios de cartón. Nestas últimas eleccións, dun censo de 264 viñeron votar 156. Hai unha serie de socios aí que son ficticios. E hai determinadas decisións que para tomalas ten que haber un porcentaxe mínimo do censo presente: para botar a directiva abaixo, por exemplo. Coa cota o que queremos é ter asociados de verdade. E está claro que a xente, cando paga, esixe. A asociación necesita regularse. E a xente vai ter que entender que a asociación de veciños non é a plataforma Esperta Vilaxoán. Nós dimos o paso da plataforma á asociación de veciños porque levabamos moito tempo dando caña e tiñamos que ser coherentes. Na plataforma o traballo era máis fácil: bronca, bronca, bronca. Agora estamos obrigados a actuar doutra maneira, negocia, negocia, negocia... E se non se chega a nada bronca, eh? E iso hai xente que non o entende.

-Acaban de chegar...

-Collemos o relevo en verán. E o verán é moi mal momento. Hai veciños que din que 'agora non se fai nada', e iso non é así, o que pasa que o que se fai agora se fai por detrás. Tivemos aí atrás unha asambleaíña polo tema do consultorio e veu bastante xente. Pero por exemplo, falando de sanidade, estamos en conversas coa xerencia da área sanitaria, presionando constantemente. Pero ese é un traballo que non se ve, e como o demostramos? 

-Esta asamblea marca o inicio do curso?

-Si, poderíase dicir así. É o inicio de curso, para marcar como imos facer as cousas. A pauta de traballo vai ser, seguramente, facer asembleas moi pequeniñas. Facer unha asemblea extraordinaria para afrontar un problema é moi pesado, ten moitos trámites. Imos facer microasambleas para as distintas cuestións. Para ver que facemos cos parques, por exemplo, que hai que sanealos, mantelos limpos e adecentados. O das torres, que se fixo moi bonito, ten unha zona deportiva, pero deixaron sen poñer un valo alto para que non saian os balóns ,que se saen van para a estrada. E en todos os de Vilaxoán o mobiliario hai que mantelo, porque hai bancos que están desfeitos. Durante anos non se fixeron traballos de mantemento, e iso é algo que a xente da vila demanda, que se arranxen as cousiñas.

MONICA IRAGO

-As pequenas cousas son fundamentais, non?

-Si, sobre todo cando se producen agravios comparativos e se presenta unha frivolité como é o paseo marítimo, que lle chaman de Vilaxoán pero é de Sobradelo. Toda esa magnificencia a xente non a entende, sobre todo porque se interrompe. Que pasa coa zona do Castelete?. Non se arranxan as cousas pequenas pero faise esa actuación, e a xente interpreta que gastamos nun coche cando non tempos cartos para gasolina. Como temos o río? Os lavadoiros en Galicia chámanse ríos porque teñen correntes de auga constante. O río precisa auga, este pérdea entre as lousas, os acuíferos que desembocaban aí fóronse tapando e perdéronse. Aquí aínda lava e colga a roupa a xente, pola súa forma pode ser un bo lugar para desenvolver eventos... É un sitio simbólico para Vialxoán, pero está como está.

-Logo están os problemas estruturais de Vilaxoán. Empezando pola praia. Que pasa aí?

-Os grandes problemas queren un consenso, queren velos, queren traballalos...  A praia, está claro, non se arranxa botando area, xa quedou demostrado. Nós o que imos plantexar é que se faga un estudo. Un estudo serio, de verdade, que se reúnan técnicos, mariñeiros que coñezan as correentes e que se lle busque unha solución. Os vilaxoaneses son moi praieiros, pero é que ademais esta é unha praia que é un chamado para Vilagarcía, está petada todo o verán. Hai que facela sostible. Como? Non sei. Haberá que mirar que se fai noutras praias deste estilo, praias que son artificiais, porque a antiga praia foi comida pola carretera e por unha canalización que hoxe ninguén entende... A praia lava, e queda iso ao aire. Eu sei que o Concello ten un plan, pero o Concello nunca conta os plans que ten. Hai que buscar solucións para  as zonas nas que non se aguanta a area. Igual plantexan unha humanización moi moderna, se non podes co mar, únete a el. 

-E está o gran problema do saneamento.

-Vilaxóan recibe auga de todos lados. Cando hai un aluvión de auga saltan as tapas dos rexistros. Antigamente, os rexistros de pluviais e saneamentos conectábanse. Iso é algo que non se fai agora, é unha barbaridade, pero antes si. E iso provoca que se hai un atasco, a auga volva para atrás, e hai problemas de malos olores, e demais... Iso é algo que hai que arranxar, pero non só en Vilaxoán, en toda Vilagarcía. O outro día, no río, rebentabatodo alí, ao lado do lavadeiro. Veu Contucho, desatascou os rexistros, porque hai corenta rexistros alí, desatascou os de saneamento, que estaban totalmente tapados de lixos, de pañuelos e esas cousas. Contucho xa debería ser parte do Concello, porque está traballando de semana en semana. Este é un problema grave que sufrimos, e cada vez que hai un problema, nós levantamos a man e iso fainos incómodos.

MONICA IRAGO

-Outra das reivindicacións é a seguridade viaria. Deron unha bota batalla por un semáforo...

-Neste tema vese claramente que pasa cando hai dúas institucións enfrentadas. Por exemplo, o Concello e a Xunta. A carretera que vai a Vilanova é miserable se falamos de seguridade viaria. Beirarúas estreitas, non hai pasos de peóns e os que hai están mal iluminados, cruces perigosos, como o de Veiga do Mar, polo que pasan tráilers que van para a as empresas de abaixo  e que non cumpren os horarios. Hai que empezar a mirar iso un pouquiño. Pero como a Avenida de Vilanova é da Xunta, o Concello di que non pode facer nada. Pero ten que comprometerse a liderar ese tipo de negociacións. Nós xa levamos o da Avenida de Vilanova á Valedora do Pobo, porque a consellería non nos fai caso, nin atende os nosos requerimentos. Co semáforo pasou o mesmo. O Concello dicía que non era cousa súa e a Xunta non facía caso. E de repente, aliñáronse os astros e conseguimos o semáforo, que foi un logro enorme, porque a xente o respecta moito. Co tema do consultorio pasa un pouco o mesmo. O Concello di que é cousa da Xunta e a Xunta... Bueno, sabemos que está no fío da navalla, porque se vai facer o novo centro de saúde de Vilagarcía. Pero conseguimos que se compromentesen a abrilo. E se se consegue, traballaremos para gañar cartillas. Porque os servizos son os que manteñen as vilas. Mira, en Vilaxoán tiñamos unha oficina bancaria. Pechou e deixaron un caixeiro que dá cartos, pero non os admite. E agora estamos pendientes de Correos. Correos existe agora porque no seu momento se levantou a voz, porque había un ruxe ruxe de que se ían pechar ese tipo de oficinas. Pero o servizo que ofrece cada vez é menor. Desapareceu o servizo de depósitos, e un paquete que non poidan entregar porque non estás na casa, inmediatamente vai para Vilagarcía. 

-Obviamente, menos servizos, menos atractivos para fixar poboación.

-A xente volverá a Vilaxoán se tés algo artellado. Vilaxoán ten unha confradía vida menos. Ten unha lonxa vida a menos. Agora que temos espazos, non hai vida. Todo nos chega tarde. Temos unha coral, un club de remo, un equipo de fútbol e unha praza de abastos que lle dá valor á vila. VIlaxoán precisa dunha política de discriminación positiva. Penso que Carril tamén. Ao fin e ao cabo, son dúas vilas que no seu día foron concellos e que sustentan o municipio. 

-Volvamos á asociación e á asamblea do domingo. Como van organizar o traballo deste curso?

-Imos abordar diversas cuestións. Por exemplo, Vilaxoán está rodeado de moitas zonas que non son Vilaxoán, pero que nos afectan, que son sensibles aos mesmos problemas. Por exemplo, a zona do instituto, que é Sobradelo. Imos abrir o cupo para que a xente que queira entrar na asociación, poida facelo, pero iso é algo que temos que tratar coas outras asociacións. Ademais, imos recabar información dos socios, para saber cal é a forma que prefiren para que nos comuniquemos con eles, e tamén para saber en que cousas poden botarnos unha man. Porque do que se trata é de implicar a todo o mundo no traballo.