SOS Sanidade Pública denuncia unha situación «dramática» e recollerá firmas en Arousa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A plataforma contribuirá a reunir as 10.000 sinaturas que se precisan para debater no parlamento unha ILP 

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha xuntanza para a reactivación da mesma en Vilagarcía na que estiveron presentes veciñanza e organizacións pertencentes á plataforma e tratáronse temas como a grave situación do PAC de San Roque e a recollida de firmas para a ILP (iniciativa lexislativa popular) de atención primaria rexistrada no Parlamento de Galicia e para a que piden o apoio cidadán para crear un modelo de atención primaria que garanta unha atención próxima e de calidade.  Unha das medidas que se acordou adoptar onte foi sumarse desde Arousa a esta recollida de sinaturas con fin de acadar as 10.000 que se precisan para que a ILP poida debaterse no Cámara galega.

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, mostrouse moi satisfeito pola convocatoria en Vilagarcía e agradeceu a súa participación a colectivos e cidadanía. Cualificou a situación do PAC de San Roque como de «extrema gravidade» tendo en conta a escaseza de médicos, o que ten deixado ao servizo de urxencias (PAC) cun só facultativo para atención presencial.

Manuel Martín considera que a situación «é dramática como consecuencia dos recortes e desmantelamento da sanidade, ademais da precariedade e inestabilidade que expulsa aos profesionais da atención primaria cara outras especialidades e territorios».

A Plataforma pretende a través desta ILP —que é froito do traballo de meses por parte dos colectivos que a integran— pasar á acción e implicar ao conxunto da cidadanía na defensa do sistema de saúde, polo que confían en recoller moitos máis das dez mil firmas que se precisan para levar as súas demandas na Cámara galega.