Arousa 2022/23: un equipo a medio facer e pendente dos grandes nomes

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

No capítulo de reforzos, o club só foi quen de pescar na Terceira e na Preferente

24 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O tándem formado polo vicepresidente deportivo e o adestrador do Arousa, Rodrigo Lojo e Luisito, dista de estar preto de concluír o proceso de construción do cadro de xogadores que defenderán a camisola arlequinada a vindeira temporada. A día de onte, e tras o anuncio esta semana da renovación de Campillo e da contratación de Hugo Barcia, dianteiro ou extremo esquerdo de 20 anos que vén de completar a súa primeira campaña sénior no Valladares de Preferente, o Arousa 2022/23 é inda un equipo a medio facer. En todos os sentidos.

A nivel cuantitativo, son só once os futbolistas confirmados no vestiario da Lomba o curso que vén. No capítulo de renovacións, unicamente cinco futbolistas aceptaron a proposta de continuidade recibida da directiva vilagarciá: Julio Rey —mediocentro—, Manu Táboas —porteiro—, Cotilla —lateral esquerdo—, Jorge Fajardo —extremo esquerdo— e Campillo —central—. A eles hai que sumar o paso de Álex Rodríguez —lateral ou extremo esquerdo— do conxunto xuvenil ao primeiro equipo tras completar a súa etapa de formación, coroada co histórico ascenso do Arousa á División Honor Juvenil.

No tocante aos reforzos, ata o momento nada máis que chegaron cinco, todos eles procedentes da Terceira agás o último, xa mencionado, de Hugo Barcia desde a Preferente. Pero ningún deles, Brais Vidal —mediocentro— e Martín Sánchez —central zurdo—, chegados do Estradense, Carlos Pacheco —central/lateral dereito—, incorporado do Somozas, e Brais Pedreira —extremo/interior dereito—, do Arzúa, están chamados, sobre o papel, a liderar un equipo que aspira a regresar á Segunda RFEF pola vía exprés.

E aquí chegamos á cuestión cualitativa. Sendo as catro fichaxes procedentes da Terceira futbolistas rodados e contrastados na categoría, o certo é que, asumindo o Arousa o papel de candidato número un ao título de grupo e ao ascenso directo, falta por chegar todo ese fato de homes chamados a marcar a diferenza, sobre todo nas facetas de creación do xogo, de control na medular e, o fundamental no fútbol, da materialización do gol.

Máis nons ca renovacións

Neste punto, o máis preocupante é o escasamente convincente ou atractivo que parece estar a resultar o novo proxecto do Arousa para boa parte dos futbolistas que defenderon a súa camiseta a pasada campaña. Ata oito das once baixas confirmadas a día de onte viñeron precedidas dun non a cadansúa propostas de continuidade no club vilagarcián. Tres delas, certo é, para quedar na Segunda RFEF —Javi Fontán, Luismi e Nuño—, outras, caso de Diego Diz (Rápido de Bouzas) e, sobre todo, dun Sub 23 con aspiracións de crecemento coma Porrúa, de volta ao CD Estradense, optando por algúns dos que serán rivais do Arousa no seu regreso á Terceira.

A felicidade inmensa de Lucas Castro

«Non paran de chegar mensaxes de felicitacións... É unha sensación de tanta felicidade que non podes explicala con palabras». Deste xeito se manifestou nas redes sociais do seu club o xogador do cadete A do Arousa Lucas Castro tras a consecución do título de campión de España de seleccións autonómicas Sub 16 con Galicia. Titular en catro dos cinco partidos disputados polo combinado local na fase final disputada en Pontevedra, incluído o encontro polo título con vitoria galaica sobre Andalucía por 3-1, Castro agradeceu o apoio dos seus compañeiros e, sobre todo, da súa familia, da que dixo é «parte de todo o que conseguín. Viñeron a todos os partidos, apoiando en todo momento e estou moi agradecido». O máis fermoso, conclúe, é: «Ver como todo o traballo dá os seus froitos». O Arousa felicitouno, a el e a toda a selección galega Sub- 6. Pola súa banda o Unión S.D. O Grove deulle os parabéns a Miguel Conde, xogador do Celta saído da canteira meca e integrante tamén de Galicia Sub 16.