O outro drama do Arousa: adeus a 300.000 euros de ingresos fixos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O descenso aboca o club a reducir en máis da metade o seu orzamento

19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Arousa reuníase a última hora da tarde de onte para encarar a que, en boca do seu presidente, Manolo Abalo, se presentaba como a súa xuntanza «máis longa da temporada». Sobre a mesa, a análise das razóns que levaron o primeiro equipo a dicir adeus á Segunda RFEF á primeira de cambio como penúltimo clasificado da Liga. Tamén o establecemento das liñas mestras sobre as que a entidade prentede asentar un proxecto que devolva no prazo dun ano o conxunto arlequinado á categoría que, sostén o seu mandatario, lle corresponde.

Xunto ao durísimo golpe deportivo completado o pasado domingo na derradeira xornada da Liga, o Arousa debe comezar a asimilar o drama que acompaña o regreso á Terceira. Un drama cifrado inda en quente e a falta do estudo en detalle de cada partida na perda de 300.000 euros só no tocante ás partidas de ingresos fixos dos que, como equipo de Segunda RFEF, desfrutou o Arousa neste exercicio 2021/22.

A participación na categoría de nova creación o pasado verán permitiulle percibir ao club vilagarcián 140.000 euros da Real Federación Española de Fútbol, cando a campaña anterior ingresara da mesma fonte 40.000 pola súa militancia na Terceira División. Da Diputación de Pontevedra chegaron este curso 100.000 euros, polos 15.000 do ano anterior, unha variación exponencial que se estendeu á axuda percibida da Xunta de Galicia, 60.000 fronte a 5.000 euros e a TVG, que pasou a pagar 65.000 euros polos dereitos de retransmisión televisiva do Arousa cando na Liga 2020/21 as arcas arlequinadas tan só ingresaran 1.750.

As cantidades apuntadas son froito do redondeo feito onte por Manolo Abalo no seu repaso mental ás grandes partidas de ingresos fixos. Cálculos que o levan a asumir a drástica redución que tocará introducir no orzamento do club a vindeira temporada, a que arrincará o 1 de xullo, superior ao 50 %: «Temos que facer cálculos inda e pechar as contas, pero o orzamento desta temporada pode acabar pasando dos 700.000 euros. A última temporada na Terceira movémonos entre 250.000 e 300.000. A idea é que teremos que volver a esas cifras». Isto é, da orde duns 400.000 euros menos, ata a cantidade que, certo é, foi suficiente para acadar o ascenso un ano atrás.

Manolo Abalo salienta neste sentido que construír un equipo gañador «non sempre se fai con diñeiro. Temos que ser intelixentes» á hora de fichar para armar un bloque altamente competitivo maior ca simple suma das súas individualidades. Para conseguilo, o mandatario arlequinado pídelles aos afeccionados e ás empresas de Vilagarcía que volvan apoiar coma esta temporada a un Arousa que, coma marca, «vende máis ca nunca».

Unha xuntanza para «falar de todo», tamén da figura de Rafa Sáez

A intención de Manolo Abalo pasa por «comezar a fichar xa». Esta é unha das moitas cuestións que a directiva arlequinada tiña na orde do día da súa xuntanza a última hora da tarde de onte.

Preguntado por se na reunión tratarían a continuidade de Rafa Sáez na dirección deportiva tras o fracaso na estrea na Segunda RFEF, o presidente contestou: «Vaise falar de todo». Porén, lembrou os 21 puntos feitos polo equipo na primeira volta da Liga, «dentro dos parámetros» para acadar a salvación: «Crimos que nos ía chegar co que tiñamos, porque o estabamos facendo ben. Eu fun directivo noutras épocas nas que se botaron adestradores indo cuartos ou quintos e descender o equipo».