O Arousa pídelle á comarca que o arroupe na súa «final»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O club arlequinado non cobrará entrada este domingo no partido co Móstoles

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A derrota in extremis de antonte no campo do Compostela cun polémico penalti en contra deixa o Arousa a 3 puntos da zona de salvación. Con todo, a falta xa só de tres xornadas para a conclusión da Liga da Segunda División R.F.E.F., a realidade dita que as opcións de permanencia do conxunto vilagarcián pasan por gañar os seus tres compromisos restantes. Comezando polo que este domingo, desde as cinco da tarde, ten no campo municipal da Lomba cun Móstoles que con 38 puntos, tres máis có Arousa, se atopa tamén na corda frouxa.

Así as cousas, a directiva que preside Manolo Abalo adoptaba onte unha decisión con poucos precedentes na historia recente do club arlequinado: non se cobrará entrada ao público que asista ao partido fronte ao Móstoles, declarando a cita xornada de portas abertas.

A medida vén acompañada por un grito de axuda que vai máis aló da habitual masa de socios e demais seareiros que, na orde dun milleiro, acompañan cada dúas semanas o Arousa nos seus partidos como local: «Dada la importancia del antepenúltimo partido de Liga en la lucha por la permanencia ante un rival directo, el club hace un llamamiento a toda Vilagarcía y a la comarca para intentar llenar A Lomba y llevar en volandas al equipo, que necesita la victoria», di o comunicado co que a entidade arlequinada pretende comezar a mobilizar o maior respaldo popular posible a prol do conxunto que desde hai dúas xornadas dirixe Luisito.

Nesta liña, o club estende a petición de apoio en vivo e directo nas gradas da Lomba fronte ao Móstoles a «todos los clubes y asociaciones» da bisbarra.

A directiva do Arousa recorda que, antes do partido, a entidade recibirá de mans do alcalde de Vilagarcía a medalla de ouro da cidade, con motivo dos 75 anos de vida que o Arousa cumpría o 23 de decembro do 2020; efeméride que a sociedade deportiva e os seus socios non puideron chegar a celebrar como sería o normal debido ás sucesivas vagadas de covid-19 no máis duro da pandemia.

Pola súa parte, o cadro de xogadores de Luisito comezou onte a preparación da primeira das súas, xa sen lugar a dúbidas, tres finais pola supervivencia na Segunda División R.F.E.F. Fíxoo co técnico de Teo engadindo no seu caderno de tarefas un traballo extra; o de preparar o mellor relevo posible o ata hoxe único futbolista imprescindible no once titular do Arousa: Cotilla. Logo de xogar todos os minutos da Liga agás os últimos 22 da visita do 10 de abril ao Salamanca UDS, substituído no 68 por Jorge Fajardo cun 3-0 no marcador e todo xa perdido, o lateral esquerdo deberá cumprir este domingo a sanción tras ver en Santiago o seu quinto cartón amarelo da temporada.