A Policía Local da Illa de Arousa intercepta dous condutores co carné retirado, un deles drogado

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os dous individuos, un de Meaño e outro da localidade insular, serán sometidos a cadanseu xuízo rápido en Vilagarcía

18 abr 2022 . Actualizado a las 21:07 h.

O número de condutores co permiso de circulación retirado interceptados pola Policía Local da Illa de Arousa non para de crecer. Axentes do corpo municipal detectaron nos dous últimos días a presenza doutros dous e, como en moitos dos casos que se veñen sucedendo nos últimos meses, a raíz de detelos por razóns diferentes á da revisión dos seus carnés.

O domingo a media tarde o lento avance dun turismo pola rúa Sor Aurora Estévez, na contorna do Regueiro, levou a unha patrulla a mandar deter o vehículo sospeitando que o seu ocupante podería estar baixo os efectos do alcol ou drogas. As probas realizadas confirmaron a presenza indiciaria no organismo do individuo de cocaína e de cannabis. De confirmarse na mostra enviada a laboratorio, o individuo enfróntase a unha multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos no seu carné. A cuestión é que, ao ser identificado, os policías locais descubriron que o home, veciño de Meaño duns 30 anos, ten o carné suspendido, polo que mañá será sometido a un xuízo rápido nos xulgados de Vilagarcía de Arousa.

Neles deberá presentarse tamén, o 3 de maio, o veciño de 29 años da Illa que a última hora da tarde de onte detivo a Policía Local por levar a ITV caducada desde había un ano, descubrindo na súa identificación que ademais ten o permiso de conducir sen vixencia pola perda total de puntos.