Pedro Torrado proclámase campión de España de Inverno

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

Dous títulos, un subcampionato e tres bronces, balance arousán en Sevilla

22 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato de España de Inverno máis multitudinario da historia, con 1.363 padexeiros a pasada fin de semana na canle do Centro de Alto Rendemento de La Cartuja de Sevilla, serviu un ano máis para abrir a temporada nacional de piragüismo con grandes titulares protagonizados pola canoa arousá. Dous títulos e media ducia de medallas, unha de cada oito en xogo, levaron o nome de padexeiros da comarca.

Pedro Torrado Mollinedo proclamouse campión na final do C1 5.000 Xuvenil. O vilagarcián das Torres-Romaría Vikinga gañou con autoridade: en 25 minutos, 3 segundos e 28 centésimas, 19,96 segundos menos cos empregados por Daniel Grijalba, do E.P. Aranjuez, para facerse coa prata.

No mesmo barco, pero na categoría Sub 23, os irmáns madrileños do Breogán do Grove Noel e Diego Domínguez Martín fixéronse co título e co subcampionato, respectivamente, co primeiro gañando en 24.01.87, cuns escasos 1,340 segundos de vantaxe sobre o segundo.

Se esta foi unha pelexa axustada, de chegada de infarto hai que cualificar a loita de Manuel Garrido, do Kayak Tudense, e Diego Romero, do Breogán, polo ouro no C1 Sénior, con triunfo de Garrido por 170 milésimas de segundo. Tono Campos completou o podio a 38 segundos.

A tamén grovense da E.P. Poio Valeria Oliveira colgouse o bronce no C1 5.000 Xuvenil Feminino, en 30.16.45.