—No polo oposto, vemos a un Pedro Beda de menos a máis...
—Si. Custoulle entrar un pouquiño no equipo. Seguiu insistindo. Teño falado con el en infinidade de ocasións. É un futbolista moi importante para nós, non temos outro coas súas características. Un xogador posicional, que nos dá esa pausa necesaria. Quizais non está facendo goles como outros anos, pero o seu traballo para o equipo é un moi bo. A todos nos gustaría que levara máis goles dos que leva. Pero ten que ser un futbolista importante na segunda volta.
—O equipo protagonizou varias series de resultados dispares. Atribúeo a certo punto de irregularidade, a unha cuestión de calendario? Está contento coa liña mantida?
—Si. Quizais si. Quizais faltou ter algo máis de regularidade en momentos determinados. Cadraron bos partidos e partidos non tan bos. Pero a liña foi de menos a máis. Despois, tamén houbo algún resultado que nos poida parecer enganoso. O día de Compostela, o día de Coruxo, o día de Langreo creo que o equipo mereceu máis: tamén contra o Navalcarnero sumamos 3 puntos cando igual mereciamos un empate. Pero si é certo que na casa mantivemos unha moi boa liña cuns resultados que non se axustaron aos nosos méritos. Pero esas sensacións e merecementos hai que traducilos en puntos, evidentemente. Faltounos esa sorte que fai falta en todo deporte. Pero repito que a liña do equipo foi de menos a máis, e esperamos que siga así.
—En Carballo tocoulle a ingrata experiencia de ter que marchar expulsado á grada no medio do partido co Bergantiños. En que medida influíu a arbitraxe na puntuación do Arousa nesta primeira volta?
—É un tema sobre o que non teño nada que dicir. Si que é certo que houbo certas decisións que nos puideron prexudicar, pero ao longo da temporada iso equilíbrase. Iso non pode ser unha desculpa, non podemos agarrarnos a iso, porque estariamos facendo mal. Nós temos que traballar o que podemos controlar, ser máis regulares, máis agresivos, máis contundentes en determinados momentos. Inda que si é certo que nesta primeira volta estamos en debe no tema arbitral. Pero isto é fútbol.
—O Arousa aparece na zona media-baixa da clasificación, pero o certo é que está á mesma distancia da zona de promoción de ascenso ca dos postos de descenso, 4 puntos. A que aspira o seu equipo na segunda volta?
—A tentar gañar o próximo partido, que é co Arenteiro. Esa é a nosa idea, o noso obxectivo agora mesmo. A inicios da temporada a idea clara era salvarse, consolidar a categoría, que os futbolistas deran un paso máis e quedar o máis arriba posible. Pero non podemos desviar a atención máis aló do vindeiro partido.