O chatarreiro que dignificou un oficio e construíu comunidade

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Coñecido polo negocio familiar, Eduardo Bueno Piñeiro, Dito, foi un home de club (Arousa) e de Entroido (O Xornal Criticón), amante do Nadal e dos cogomelos

14 ene 2022 . Actualizado a las 13:39 h.

Cando calquera veciño se vai, o seu pobo perde un anaco de si mesmo. Atrás queda un baleiro, tanto máis grande canto maior é o número de persoas tocadas en vida polo xa ausente. De aí a forma na que sobresae o oco que na noite do mércores deixou en Vilagarcía de Arousa Eduardo Bueno Piñeiro, Dito. Un dos dous irmáns da segunda xeración dun negocio familiar, Chatarrería Dito, que tanto fixo por dignificar na súa contorna unha profesión con tanta mala prensa e desconfianza social. Pero tamén un home de pobo, implicado en bombear savia fértil á cultura, ao ocio e ao deporte feito por e para os vilagarciáns. 

Fillo de Eduardo Bueno Díaz, o patriarca que montou en 1949 a que leva sendo a fonte de alimentación de tres xeracións da mesma familia, Chatarrería Dito, Eduardo Bueno Piñeiro encargouse xunto ao seu irmán Manuel de consolidar e modernizar a herdanza do clan. Un negocio do que se empaparon nos seus últimos anos na ensinanza obrigatoria, para facer del o seu modo de vida nada máis rematar a escola. Unha empresa na que probaron o seu espírito emprendedor, como cando incorporaron en 1976 o primeiro camión-grúa nunha chatarrería galega.

Pero Dito non vivía só para traballar. Era unha desas persoas que tanto gustan de espremer a existencia cos pequenos praceres que atopou no camiño, e sobre todo, de gozalos en compañía. Contaxiando a súa forma de vivir as alegrías que sempre reciben os que, sen máis pretensións, colaboran en construír a súa comunidade. Desde a vicepresidencia da Agrupación Micolóxica A Cantarela, sendo parte activa da maior chirigota que coñeceu o Entroido de Vilagarcía, O Xornal Criticón, ou convertido nunha das caras máis recoñecibles da organización que cada ano fai posible a emblemática Cabalgata de Reis da capital arousá. E como socio colaborador e patrocinador do Arousa, club que onte trasladou o seu profundo pésame á familia do finado.

Xubilado desde hai anos, seguir xunto á súa muller a maioría dos partidos do equipo vilagarcián convertérase nos últimos tempos nun dos maiores praceres de Eduardo. Esta temporada, mesmo desprazándose fóra de Galicia tras o ascenso do Arousa. Ata que un cancro de páncreas que lle detectaron a finais de novembro se cruzou no camiño de Dito. Este venres, ás 16.30 horas, ofíciase o seu funeral na Igrexa de Santa Eulalia de Arealonga.