Calma no Arousa tras caer á zona de descenso: «El fútbol no deja de darte segundas oportunidades»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

RAMON LEIRO

Adestrador e capitáns do equipo salientan a urxencia de volver gañar mellorando detalles, pero tamén que se está a traballar no bo camiño

09 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con cara de parvo. Así acabou máis dun dos asistentes ao campo da Lomba a primeira hora da noite do domingo tras ver como a notoria superioridade do Arousa durante os primeiros 65 minutos de partido era castigada cun 1-3 final pola efectividade do 100 % que o Langreo probou nos seus disparos a portería. A quinta derrota nas últimas sete xornadas de Liga enviou o conxunto arlequinado á zona de descenso, situación na que se estrea na Segunda División R.F.E.F.

«Non sumamos de 3 e estamos preocupados. O fútbol non entende de xustizas. Hai que meter máis goles co contrario, e nese apartado, agora mesmo estamos en déficit», declaraba o domingo o adestrador do Arousa. Jorge Otero sinala que «isto é fútbol e temos a frecha para abaixo». Unha situación que contrasta coas sensacións que, na súa opinión, transmite o equipo, que «son moi boas».

Neste punto, o técnico insiste, como vén facendo desde hai varias semanas, no valor desnivelador de «eses pequenos detalles» que acaban facendo que os puntos se lle escapen das mans ao conxunto vilagarcián. Fronte a iso, di, «só coñezo unha maneira de cambiar» a inercia, «traballando máis e mellor; e con moita máis concentración por parte de todos». Un guión que conta con argumentos sólidos de partida para acabar escribindo un final feliz sendo que, salienta Jorge Otero, «estamos tranquilos porque o traballo do equipo está a merecer máis».

En termos xerais, a lectura do adestrador coincide coa dos dous capitáns do Arousa, Julio Rey e Pedro García. Preguntado polo estado do vestiario arlequinado tras entrar en zona de descenso, o primeiro declaraba onte que «estamos fastidiados; pero tampoco muy preocupados. Sabíamos que iba a ser una Liga muy complicada y el equipo está dando la cara en todos los partidos, sea con los equipos de abajo como con los de arriba». Neste punto, Julio Rey sinala que «llevamos diez jornadas y 11 puntos y no hay una diferencia abismal entre los de arriba y los de abajo, salvo el Adarve. Si ayer —polo domingo— ganásemos nos pondríamos casi en puestos de promoción de ascenso».

A lista de detalles que cambiar

«Es verdad que el equipo necesita ganar», recoñece Pedro García. Dito isto, o mediocentro vigués afirma que «el fútbol no deja de darte segundas oportunidades. Hoy —por onte— hay que analizar entre todos el partido del domingo. Mañana —por hoxe martes— resetear. Y el miércoles, empezar a pensar en el Ceares. Si ganas dos partidos estás ahí arriba. Mira el Bergantiños. Hay que tener calma, paciencia y ser autocríticos».

No capítulo da autocrítica, Pedro García fala de que «hay que mejorar constantemente, en contundencia defensiva y en intensidad ofensiva. Tenemos que hacernos muy fuertes en las acciones a balón parado. Y aumentar el acierto de cara al gol».

Julio Rey súmase ao seu compañeiro na urxencia de afinar a reacción nas accións en contra a balón parado. Un deses «pequeños detalles» que, coincide con Jorge Otero, o Arousa debe corrixir. Detalles nos que inclúe o feito de que «tenemos que hacer muchas ocasiones para meter un gol», tamén un «defendemos todos, atacamos todos» e por último, a necesidade imperiosa de «dar valor a todas las acciones del partido» para minimizar as ventás de oportunidade do rival.

Con todo, os capitáns do Arousa súmanse ao seu adestrador para lanzar unha mensaxe de calma. «El equipo compite en todos los partidos, y cuando compites, estás más cerca de la victoria», di Julio Rey. «Estamos en un momento apretado. Sabíamos que iba a haber un momento así. Las sensaciones son buenas. Toca ser resilientes», acompaña Pedro García.

A campaña do club e de TC Fruits recada 470 euros para La Palma

A campaña solidaria a prol dos veciños de La Palma impulsada pola empresa de Barro TC Fruits, un dos patrocinadores do Arousa, e apoiada polo club vilagarcián recadou o pasado domingo 470 euros. Un diñeiro recolectado entre os afeccionados que asistiron ao partido de Liga entre o equipo de Jorge Otero e o Langreo e que quixeron poñer o seu gran de area ante a catástrofe que están a vivir os habitantes da illa canaria. Como? Cun donativo a cambio dun dos 1.200 plátanos que TC Fruits lle entregou ao Arousa con este fin a semana pasada.

A directiva da entidade arlequinada contactou co Ayuntamiento de El Paso, un dos municipios máis afectados pola erupción, hai xa practicamente dous meses, do volcán Cumbre Vieja na illa canaria, fenómeno que xa levou por diante máis de 2.600 edificacións. O Arousa ingresará os 470 euros recadados o domingo nunha das dúas contas que a administración local de El Paso abriu para recibir doazóns económicas para os veciños damnificados tanto de particulares, como de empresas e de asociacións. Os números das contas habilitadas polo municipio insular son, informan desde o Arousa, o ES26 2100 7109 3122 0015 5652 (La Caixa) e o ES57 3076 0480 6710 7723 (CajaSiete).