Terra, cinza, lume e metal para que Ekaitz poida soñar

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

J.L.O

O escultor Elías Cochón Rey presenta na Casa de Galicia en Madrid os froitos de catro anos de creación

08 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para pensar o baleiro tes que pensar do revés, dende dentro para fóra», sostén Elías Cochón Rey (Vilagarcía, 1966). Esta é a razón de que no seu traballo coma escultor asexe sempre unha cuarta dimensión, alén das tres que configuran a xeometría clásica na que ordenamos o mundo que nos foi dado. A arte, se é que verdadeiramente o é, apunta necesariamente a algo máis aló, e isto é o que Elías fai en Os soños de Ekaitz, a exposición coa que o creador arousán regresa á Casa de Galicia en Madrid, dez anos despois da súa última incursión. Sete esculturas e quince cadros habitarán dúas salas da sé da Xunta na capital ata o día 29.

Pensada coma unha homenaxe cálida ao seu fillo, o pequeno gran Ekaitz, esta colección de obras inéditas é froito de catro anos de traballo nos que o ollo e a man do autor avanzaron na limpeza da execución e na consecución do máximo poder expresivo con cada xesto, con cada risco, con cada movemento que as súas creacións, en formato escultórico ou sobre o lenzo, semellan querer trazar.

Estes soños son, tamén, o resultado da investigación á que Elías se ten abandonado nos últimos tempos á hora de escoller a materia coa que lles dar forma. Nos cadros, o algodón do lenzo convive co caolín do porto leonés do Manzanal, a ilmenita de Sudáfrica, o olivino de Noruega ou a garnet da India. Un diálogo entre terras e areas de todo o planeta que, confesa o artista, excitan a súa imaxinación e desencadean un minucioso proceso de creación no seu luminoso atelier de Bamio, en Vilagarcía de Arousa.

O ingrediente final desta viaxe a Madrid ten que ver coa vontade de Ramón Jiménez, o coordinador de actividades da Casa de Galicia, quen non deixou pasar a oportunidade de revisitar a poderosa pegada do escultor arousán.