Un Arousa cargado de ilusión ponse o traxe das grandes ocasións

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Estréase esta noite na Lomba na Segunda R.F.E.F. co Arenteiro por rival

04 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Certo é que xa son varias as reestruturacións que ao longo da historia leva feito a Real Federación Española de Fútbol no seu tronco de competicións nacionais. Con todo, non son tantas. Por iso, participar da posta en marcha dunha nova categoría confire un certo toque de distinción. O que esta noite (A Lomba, 20 horas) pretenden gozar os xogadores, corpo técnico, directiva, socios e demais seareiros do Arousa e do C.D. Arenteiro no seu duelo da xornada inaugural da Segunda División R.F.E.F. Dous equipos que un ano atrás se medían tamén na primeira xornada, só que daquela nunha Terceira que tiñan claro se lles quedaba pequena, como así remataron demostrando. 

Sendo ademais que o Arenteiro loce a condición de vixente campión do Grupo 1 da hoxe renomeada Terceira División R.F.E.F., non é de estrañar que o adestrador do Arousa, Jorge Otero, tirase de ilusión coma palabra máis usada na súa valoración previa do choque de hoxe: «Las pretemporadas son muy largas y la verdad es que el equipo llega con muchas ganas y mucha ilusión, por empezar una nueva temporada, en una categoría superior a la que costó mucho llegar. Estamos todos muy ilusionados y esperanzados de hacer un buen partido y sumar 3 puntos ante un muy buen rival. Estamos ansiosos por debutar».

Jorge Otero salienta a calidade do seu primeiro rival, que «ya conocemos perfectamente y que nos conoce a la perfección», sinala. Un Arenteiro que debuxa como un «equipo muy intenso, que lo tiene muy claro, que aprovecha muy bien los espacios». Un adversario do que non agarda grandes cambios respecto ao ano anterior, co ourensán Fran Justo continuando á fronte do seu vestiario coa mesma idea de xogo en 5-3-2, explotando con mestría o uso de dous laterais carrileiros, que lle dan unha gran profundidade ao seu fútbol de ataque. Co ex arlequinado Sylla continuando nas filas do Arenteiro e co ex deportivista Adri Castro coma novo compañeiro na dobre punta.

Igualar a intensidade do contrario é a base para gañar a partida hoxe, afirma Jorge Otero, que ve na zona de cobertura dos carrileiros o punto feble do Arenteiro que toca tentar aproveitar, se ben recoñece que é un esquema de xogo «que trabajan muy bien». E atrás, tocará «tratar de cometer pocos errores en mediocampo, porque ellos buscan muy bien los espacios».

Fraxilidade defensiva

Esta de feito é sobre o papel a gran materia pendente do Arousa, logo dunha pretempada na que o conxunto arlequinado encaixou goles nacidos de groseiros erros defensivos que agora, xa metidos en fariña, poden ser sinónimo de puntos regalados.

Jorge Otero dispón dos 18 homes xustos para a convocatoria, con Piay, Diz e Julio Rey entrando na lista tocados. Porrúa cumpre o primeiro dos dous partidos de sanción que lle caeron, curiosamente, a raíz da súa expulsión no derradeiro partido da tempada pasada coa camiseta do C.D. Estradense, na Lomba na semifinal da fase pola terceira praza de ascenso fronte ao Arousa. Ademais, o mediocentro andaluz Alberto Martín, que o martes pechaba o cadro de futbolistas do Arousa a escasas horas do peche do mercado, chegaba inda onte a Vilagarcía e non comezará adestrar co seu novo equipo ata a vindeira semana.

Semellanzas

Arousa e Arenteiro gardan notables semellanzas. Recén ascendidos e cunha forte aposta por tentar manter a categoría coa columna vertebral da pasada campaña, reforzada con poucas pezas novas pero de notable calidade. No caso do conxunto ourensán, ademais do mencionado Adri Castro, sobresaen o central ex arlequinado Vitra, procedente do Rápido de Bouzas, o lateral esquerdo Joseca, incorporado do Villarrobledo, Adri Cruz, pivote defensivo vido do Pontevedra, ou o dianteiro Sobrido, do Alavés B.

Preguntado polo obxectivo do Arousa esta tempada, Jorge Otero non quere nin oír falar sequera da palabra permanencia: «El objetivo es ganar los 3 puntos. No podemos pensar más allá. Hay muchos ascendidos este año, somos uno de ellos, y la permanencia va a estar muy, muy cara. Tenemos que intentar ser un equipo fuerte, un equipo que no encaje, y a partir de ahí ir creciendo».

Regreso da afección ás gradas: O campo pasa a dispoñer dun aforo de 1.284 espectadores

A Lomba dispón dunha capacidade física para uns 5.000 afeccionados. E inda que semella difícil pensar nun cheo total en condicións normais, os seareiros do Arousa teñen hoxe a oportunidade de demostrar as súas ansias por acompañar o seu equipo nun partido tan especial coma o de hoxe. E é que tras a ampliación esta semana dos aforos máximos permitidos nos estadios deportivos por parte da Xunta, o Arousa pode darlles acceso esta noite a 1.284 persoas ao seu duelo co Arenteiro.

Falamos da posibilidade de ver ocupados un 40 % dos asentos da Lomba -a normativa esixe que os asistentes ás citas deportivas permanezan sentados-. Un feito que non pasou inadvertido onte para o adestrador do Arousa. Neste sentido, Jorge Otero sinalaba na véspera do choque que o público «va a ser una baza importante, después de todo lo que venimos y de tener que jugar tanto tiempo con poca gente en las gradas».

Otero dá por feito o respaldo da afección arlequinada e pretende que esta e o equipo se retroalimenten para «hacer de A Lomba un campo difícil del que se escapen los menos puntos posibles».