Félix Acuña pasa a presidir Ahituvi con Ríchar Santamaría de vicepresidente

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A nova directiva, elixida por unanimidade, aposta por unha xestión continuísta

31 ago 2021 . Actualizado a las 20:08 h.

Félix Acuña Santos é desde a tarde deste martes 1 de setembro o novo presidente da Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía, Ahituvi. Os máis de dous terzos de asociados presentes na asemblea celebrada no Auditorio apoiaron por unanimidade a lista de Acuña, propietario de varios locais da zona TIR e único candidato a un posto que Ríchar Santamaría deixaba vacante hai unhas semanas tras cinco anos no cargo.

A directiva de Félix Acuña manifestou a súa vontade de darlle continuidade ao traballo realizado polas súas predecesoras. Tanto é así, que Santamaría decidiu sumarse ao novo equipo xestor como número dous en calidade de vicepresidente e responsable da área de formación e emprego. Ademais, Martín Vázquez Blanco, vogal na anterior executiva, asume o cargo de novo tesoureiro.

Pendente de pechar as vogalías de gastronomía e de restauración, a directiva de Acuña conta ademais con Mani Fernández Varela na secretaría, Borja González Gallego na vogalía de bares e cafeterías, Óscar Piñeiro Andújar e Óscar Serantes Escobar na de representación do ocio nocturno, e Borja Pérez Pérez na de representación de aloxamentos.

O novo presidente de Ahituvi e os seus colaboradores subliñaron o papel da asociación no «desenvolvemento e a defensa dos intereses dos hostaleiros vilagarciáns, especialmente en momentos tan complexos e complicados como os que se están a vivir na pandemia».

Un rol que Acuña e a súa executiva pretenden manter, co apoio dos seus antecesores, traballando especialmente en dúas direccións. Por un lado, reforzando a presenza institucional de Ahituvi en calidade de interlocutor do conxunto do sector e dos subsectores de actividade dos seus asociados, tanto para a defensa dos seus intereses como para a dinamización turística de Vilagarcía, explica a nova directiva. Nesta liña, anúnciase a intención de estreitar os lazos con outras asociacións sectoriais de Galicia a través de Hostelería Federada Galega (Hosfega).

En paralelo, os responsables de Ahituvi, con Félix Acuña á fronte, comprométense a «seguir mantendo un calendario de eventos que lle dean visibilidade e proxección turística a Vilagarcía», accións como Ás 9 na praia ou a Feira das Tapas, que «sempre van repercutir en beneficios para a hostalería local», subliñan.