Metrópolis Comics: Un ano abríndolle a porta a Arousa a un marabilloso universo alternativo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Amantes do manga, nais na procura dun gancho en papel para os fillos, lectores abertos a explorar novos territorios... A súa é unha clientela diversa

31 ago 2021 . Actualizado a las 20:09 h.

Era 1 de agosto e sábado. As longas colas formadas para acceder ao local o día da inauguración invitaban ao optimismo entre os tres socios de Metrópolis Comics. Porén, a euforia non estaba convidada. Co seu primeiro establecemento aberto tres lustros antes en Ferrol e un segundo na cidade da Coruña no 2014, os promotores da primeira libraría especializada en banda deseñada en Vilagarcía e Arousa eran plenamente conscientes de que xornadas de alegría desatada como as dunha apertura moi dificilmente se volven ver. Hoxe, cumprido o primeiro ano de portas abertas, en Metrópolis Comics poden asegurar xa, con coñecemento de causa, non se ter equivocado á hora de apostar pola capital arousá para a ubicación do seu terceiro establecemento.

Abrir en Vilagarcía era unha decisión tomada antes da pandemia. Seguir adiante tras a aparición nas nosas vidas do covid-19 foi un risco polo que Metrópolis Comics está a ser recompensado: «La tienda de Vilagarcía ha cumplido todos los meses el margen de sostenibilidad y nuestras expectativas. Y eso ha sido por el apoyo de la gente», comenta Manuel Rodríguez, un dos copropietarios.

O balance reflicte o quid pro quo entre Metrópolis Comics e unha comarca á que lle abriu a porta a un marabilloso e, para moitos, estaño universo paralelo. O desa novena arte, a banda deseñada, que inda hoxe tantos delimitan no interior das fronteiras da infancia e das galaxias superheroicas da Marvel e de D.C. 

Tras dous anos traballando na matriz de Ferrol, Ana Fernández foi a encargada de implantar o espírito de Metrópolis Comics en Vilagarcía de Arousa. E logo de case trece meses de portas abertas, cóntanos que si, que a clientela maioritaria son adolescentes e xente que se move nos 20 e 30. Dinos que «o que máis se vende é manga -comic xaponés-, con moita diferenza» por diante dos grandes títulos americanos de superheroes, que tamén se despachan ben. Un fenómeno que atribúe en parte ao bum derivado da emisión desde hai un par de anos de series de anime -debuxos animados xaponeses- a través de Netflix.

Pero Ana Fernández desvélanos ademais que «o perfil da xente que compra na libraría é bastante variado. Hai moita xente que se está a iniciar na novela gráfica» na comarca tras a chegada de Metrópolis Comics. Xente que «chega e di ‘Non lin nunca un cómic, que me recomendas para empezar?’».

Outro segmento que merece ser subliñado é o desas «moitas mamás con nenos que non son amigos da lectura» e se adentran na libraría «para buscar algo co que enganchalos ao papel».

Todos atopan en Ana Fernández a mellor das cicerones da banda deseñada. Unha profesional que indaga «nos intereses» do potencial lector, mesmo nas súas profesións cando falamos de adultos, para tentar atopar esa chave que remate de abrir a porta da súa curiosidade por esa outra gran familia da literatura. E de aí que no establecemento vilagarcián a súa encargada poda falar, entre o éxito perenne do manga e dos superheroes, do forte tirón dos títulos infantís, sobre todo da liña Bang de Mamut, con títulos coma Super Pataca ou Marco Pola, do ben que se venden clásicos da banda deseñada coma Persépolis ou Maus, do éxito dun autor español da talla de Paco Roca ou de que «a banda deseñada galega funciona moi ben, con selos coma Demo Editorial e Retranca Editora».

Charlas en colexios e institutos e con ganas de facer moitas cousas

No ADN de Metrópolis Comics está facer comunidade entre os seus clientes e fomentar a banda deseñada. No tocante ao primeiro, unha das cousas que ten pendente a libraría de Vilagarcía é poder abrir ao público o seu soto, onde dispón dunha zona de lectura e para partidas de rol, unha das liñas fortes do seu modelo de negocio, paralizada pola pandemia. Respecto ao segundo, Ana Fernández xa colaborou co profesorado do instituto Castro Alobre e co colexio de Vilaxoán para dar a coñecer entre o seu alumnado a banda deseñada.