O Arousa 2021/22 vístese de PSG

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O club vilagarcián presenta a súas novas primeira e segunda equipacións

12 ago 2021 . Actualizado a las 21:48 h.

A pouco máis de tres semanas para a estrea na Segunda División R.F.E.F., o Arousa vén de desvelar os deseños das dúas equipacións coas que competirá na nova cuarta categoría do balompé español. Coa marca GIOS vestindo o club por terceira tempada consecutiva e introducindo importantes novidades que conxugan a fidelidade aos 75 anos de historia dun club e eleccións claramente encamiñadas a congraciarse coas tendencias da moda no mundo do fútbol.

A aposta polo clasicismo é patente no novo deseño da equipación principal. Nela, recupérase o pantalón negro da combinación orixinal, aparcando o azul usado no último lustro e entre os anos 1965 e 1987. Ademais, incorpórase unha marca de auga coas iniciais que figuraban no primeiro escudo do club, deseñado polo pintor vilagarcián Balbino Costa Candamo, substituído en 1948 polo balón do emblema actual da entidade. Mantése o lema en homenaxe á afección arlequinada ‘Ti pos a paixón, nós a ilusión’ nas mangas da camiseta, rematadas cun ribete negro que ofrece un efecto retro, recordando as casacas dos equipos ingleses dos anos 80. O uso do degradado de cor por primeira vez nunha década é a maior ruptura coa camiseta anterior.

Radical é o cambio introducido na segunda equipación. Volve a cor azul, combinando o mariño cun ton máis claro nas mangas. A inclusión de dúas liñas estreitas vermella e branca atravesando verticalmente a camiseta acerca moito a nova combinación reserva do Arousa á titular do PSG, o novo club galáctico do fútbol mundial tras fichar a Messi. O pantalón da segunda vestimenta é do mesmo azul das mangas, co número en vermello enriba do escudo.

Os afeccionados que o desexen poderán encargar a camiseta de calquera das equipacións desde o vindeiro luns nas oficinas do Arousa na Lomba ou na web do club, arosasc.net. O prezo, 30 euros.