Moito máis que mascotas; a lacería de Vilagarcía capturou tamén serpes, porcos e cabras

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O servizo municipal recolleu o ano pasado 433 animais da vía pública

27 jul 2021 . Actualizado a las 16:40 h.

O servizo de lacería de Vilagarcía recolleu da vía pública o ano pasado 433 animais perdidos ou abandonados. A maiores das mascotas, cans (289) e gatos (122), a lista de especies coas que tivo que lidiar a laceira é máis variada ao incluír tamén especies silvestres como serpes (3), paxaros que se teñen como mascota e aves de curral (8), e outros animais domésticos e de gandería como cabalos (4), cabras (3), porcos (3) e ata un coello.

Máis da metade dos cans recuperados das rúas (156) foron devoltos aos seus propietarios que foi posible identificar grazas a que os animais levaban implantado o obrigatorio microchip. Neste caso, o dono do animal ten que abonar a correspondente taxa polo servizo de recollida. Os cans e gatos que non son requiridos, lévanse ao refuxio de animais e os animais silvestres vólvense a soltar no seu hábitat.

A recollida de animais domésticos abandonados, perdidos, feridos ou enfermos dentro do termo municipal de Vilagarcía funciona dende o ano 2009 e está integrada no Servizo Municipal de Emerxencias. A unidade funciona sempre a requirimento da cidadanía, a través do teléfono do 112, e préstase de forma ordinaria en horario de mañá e tarde, e de xeito extraordinario, para casos nos que a presenza dun animal solto poida representar molestias á poboación ou un risco para a circulación, tamén en horario nocturno.

O servizo conta cun vehículo adaptado con gaiolas independentes dotado con botiquíns, redes, lazos e outros útiles para facilitar a captura dos animais e adaptar a intervención ás características da especie en cuestión e ás circunstancias nas se se atope do animal, que pode estar ferido ou mostrarse hostil ante o que considera unha ameaza. A unidade tamén colabora co refuxio de Pinar do Rei. Entre estas actuacións destacan os traslados de cadáveres de animais para o seu tratamento no crematorio autorizado e nas campañas de esterilización nas colonias de gatos.