Teo Cardalda, compromiso e memoria de Vilaxoán nun mariño mercante

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Un dos imprescindibles, respirou a súa vila dende a historia, o mar, a política e o movemento veciñal

12 jul 2021 . Actualizado a las 08:34 h.

A última conversa foi hai algunhas semanas, probablemente máis dun par de meses. O seu curmán, o outro Teo Cardalda, viña de lanzar unha obra distinta. Claves líricas, nove poemas do Valle-Inclán máis descoñecido, musicados polo fundador de Golpes Baixos e Cómplices. Un disco que tamén é un libro, no que Teodomiro Cardalda Fernández metera man á hora de relatar as andanzas da familia do xenial dramaturgo arousán, xunta o seu bo amigo Pancho del Valle-Inclán, neto daquel tifón das letras nado en Vilanova.

Andaba Teo preocupado por subliñar o vencello de don Ramón con Vilaxoán, onde tiña fonda raizame e chegou a vivir un par de meses, dacabalo do verán e o outono de 1912. Non deu tempo para moito máis que emprazar unha vindeira charla que xa nunca se producirá. Este sábado, o reloxo de Teo deixou de contar as horas a iso da unha da tarde.

Técnico naval, el mesmo lembraba hai uns anos cobrar conciencia de clase cando as folgas de 1972, nos estertores do franquismo, ao ir traballar á liña de Citroën, que deixou para navegar o mundo na mercante. Daquela databa a súa militancia no PCE, da que nunca renegou, e un labor de compromiso político que deu lugar a unha chea de boas historias. Algunhas que se poden contar, outras que mellor non. E amizades de peito de buxo, coma a que o uniu a Gonzalo Bouza-Brey e só rachou coa morte do poeta, vai xa para nove anos.

Convencido de que o senso fondo da política pouco ten que ver cos rituais electorais que se repiten cada catro anos, e si, e moito, co traballo diario a pe de rúa, Teo dedicou tempo e esforzo ao movemento veciñal. Presidiu durante oito anos unha das asociacións pioneiras en Galicia, a de Vilaxoán, exerceu de directivo moitos máis, e agora que a agrupación vivía as súas horas máis baixas, foi un dos sete históricos que se reuniron de novo para coller o temón da súa xestora e prolongar unha traxectoria de décadas na procura de xente nova. Os compañeiros, precisamente, estaban agardando a que se repuxese dun golpe á saúde que, hai cousa de quince días, mandárao parar, para retomar as conversas coa plataforma Esperta Vilaxoán e poñer proa común cara a solución dos problemas colectivos. Ese será un labor que quede xa para os que fican nesta beira.

Con Teo marcha o gran historiador da súa vila, posuidor dun arquivo titánico que el, algún día, quería ver nas mans do netiño. A revista Avante. Un feixe de libros escritos, imprescindibles para coñecer o que foi, o que é e o que podería ser Vilaxoán, o seu pobo, as súas arelas, o seu mar. E, sobre todo, un tipo xenial, cantareiro e comprometido, arroutado coma o vento rachado cando lle fervía o sangue, premía os puños e baixaban os santos. Un dos insubstituíbles, dos que un quixese ter sempre ao seu carón cando veñen mal dadas.