Ramón Vidal: «Os ERTE deben manterse aínda en sectores coma a hostalería e os servizos»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O secretario de UXT en Arousa, Pontevedra e Deza avoga por unha estrita ética laboral

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pertencente ao eido educativo, Ramón Vidal Trillo (Noia, 1962) foi reelixido en febreiro coma secretario xeral de UXT en Arousa, Pontevedra e Deza. Con el, La Voz inicia una serie de entrevistas vinculadas ao Foro Voz que o mércores analizará os retos da recuperación económica ao fío da pandemia desatada polo coronavirus. Vidal é un firme defensor do papel que os poderes públicos deben desenvolver no concerto económico e laboral.

—Cal é ese papel? Que é o que as Administracións deben facer nunha situación coma esta?

—En primeiro lugar cremos que as Administracións deben resolver o desequilibrio respecto da representación dos traballadores nas mesas de negociación nas que se deseña o noso futuro e as nosas necesidades dentro das empresas. Unha posición que as reformas laborais sucesivas foron debilitando ata mesmo ser testemuñal simplemente no caso dos expedientes de regulación de emprego. Dito isto, está claro que os ERTE son un bo instrumento co que o Goberno e os axentes sociais responderon á pandemia, Iso hai que recoñecelo.

—¿Que panorama nos agarda cando ese escudo se levante?

—Ben, eu entendo que os ERTE deben manterse ata que a normalidade chegue aos sectores dos que esteamos falando. Do mesmo xeito que non deben manterse naquelas empresas e naqueles sectores que recuperen unha dinámica razoable. O exemplo máis claro son a hostalería e o sector servizos en xeral. Teñen que manterse ata que a situación mellore, que non vai ser cousa dun día. Parece unha contradición, pero a estabilidade é variable, e imos depender da evolución da situación pandémica.

—Somos, se cadra, demasiado dependentes do sector servizos?

—Creo que é obvio que houbo unha aposta clara neste país polo sector servizos, un sector moi dependente e exposto á variabilidade das situacións económicas que atravese o seu entorno. Pero cómpre distinguir. No Salnés hai unha forte aposta pola vitivinicultura, con desenvolvemento e uns avances tecnolóxicos asociados que permiten obter mellores calidades. Os elaborados, coma a conserva, sempre foron importantes en Arousa. Non é que se estean a deslocalizar esas industrias, pero si se dá un proceso de concentración e compra das nosas industrias por multinacionais alleas ao noso territorio. E iso é fundamental, porque a capacidade de decisión deixa de estar nas nosas mans.

—Dentro de esquemas tan amplos e interdependentes, que papel pode desempeñar unha Administración local?

—Un Concello pode facer moito. Hai pequenas determinacións que teñen moitísima afectación. Por exemplo, na erradicación da competencia desleal e no fomento dun tecido empresarial san. Voume explicar. Calquera Concello traballa cun determinado número de servizos que se outorgan en réxime de concesión a empresas privadas. A ética laboral debe ser unha máxima neste eido. Tan pronto como unha concesionaria fose condenada en sentenza firme por vulnerar a lexislación laboral, esa concesión debería serlle retirada, de xeito que unha empresa ou un pequeno establecemento que fai as cousas ben non deba loitar contra unha competencia que non paga o seguro dos seus traballadores ou esmágaos cos horarios. E creo que é importante tamén que se esixa unha inspección de traballo axeitada ao número de empresas que debe controlar. Non dende un concepto sancionador, pero si regulador. Se sabes que a inspección funciona, non te arriscarás a incumprir a lei.

—Que me di da formación á hora de reforzar o mercado laboral?

—É fundamental. E poño un exemplo que puiden coñecer en persoa. Málaga é agora mesmo un expoñente das novas tecnoloxías e o desenvolvemento que xeran as empresas que se instalan alí. Google está en Málaga, Vodafone tamén. E a súa presenza está directamente relacionada cunha universidade que dedica un gran esforzo á formación en novas tecnolóxicas. Esa conxunción de coñecemento atrae un ámbito laboral de gran calidade.

-O que está recibindo unha atención prioritaria é a formación dual? O futuro vai por aí?

—Para nós é un espazo necesario, que debe ser accesible tanto para os traballadores como para as empresas. E vou poñer outro exemplo. En Pontevedra, o Carlos Oroza forma rapaces que ao mesmo tempo están traballando en restaurantes, nunha simbiose na que recollen formación e experiencia laboral que se retroalimentan. A educación sempre debe estar en pleno desenvolvemento e autoavaliación, e máxime nestes momentos. Témolo, sen saír da hostalería, no que o País Vasco fixo co Basque Culinary Center, capaz de ofrecer un título de rango universitario.

—E a dixitalización? Imos ser capaces de dar ese xiro que se nos está pedindo? Nela incidirán, en boa medida, os fondos europeos para a recuperación.

—É imparable, así que temos que intervir dalgún xeito para empregala no noso beneficio. Empezando pola base, por suposto. Porque non pode ser que nunha zona coma Vilagarcía ou Pontevedra haxa espazos mortos aos que a conectividade non chega dun xeito suficiente. Nós, no centro de Pontevedra, na nosa oficina, non temos conexión dixital. Como é posible? Unha empresa non podería instalarse aquí pola sinxela razón de que non ten fluxo para desenvolver un traballo dixital. Non é razoable.

—Iso vale para a industria, pero tamén para un pequeno comercio.

—Claro. É revolución na que temos que estar, e o camiño en moitos casos está na especialización. Non ha lugar a quedar fóra. Igual que non ha lugar a que determinadas empresas non asuman a necesidade dunha reversión social desas novas tecnoloxías. Estámolo vendo coa conclusión á que están chegando os gobernos: a eliminación dos paraísos fiscais. Deben contribuír.

Un debate sobre a recuperación económica

Coa colaboración do Concello de Vilagarcía, La Voz de Galicia en Arousa ofrecerá o vindeiro mércores un debate na procura de luz nun momento de particular incerteza. Cinco poñentes abordarán as claves da recuperación económica logo da pandemia, que pode significar a dixitalización ou como enfocar a relación entre a formación e o mercado laboral. Vilagarcía 21 emitirase a partir das 11 horas na páxina web e nas redes sociais de La Voz de Galicia.