O Arousa xogaráse o pase á final polo ascenso o sábado desde as nove da noite co Estradense

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

As esixencias da televisión autonómica retrasan dúas horas o horario inicialmente previsto da semifinal no campo municipal da Lomba

10 jun 2021 . Actualizado a las 14:31 h.

O sábado, ás nove da noite na Lomba fronte ao CD Estradense. O Arousa coñecía a primeira hora da noite deste mércores a data e rival da súa semifinal por unha praza no partido do que o día 20 sairá o último conxunto galego en ascender desde a Terceira á Segunda División R.F.E.F. de nova creación a vindeira tempada. A hora acabou de sabela na mañá deste xoves, logo da modificación do horario inicialmente previsto para a semifinal do sábado, que pasa das sete da tarde ás nove da noite por esixencias da televisión autonómica, que retransmitirá o encontro.

A incógnita sobre o día e a parella de baile do Arousa na antesala da final polo ascenso quedou despexada co pitido final do duelo de cuartos disputado na noite do mércores entre o Somozas e o Choco, con triunfo pola mínima do cadro de Ferrolterra. Un solitario tanto de Marcos no minuto 10 de partido rematou resultando decisivo fronte ao empurre do cadro redondelán, que tivo as súas ocasións para darlle a volta á eliminatoria pero que non deu materializado. O Somozas dirimirá a outra praza de finalista da promoción o domingo no feudo do Polvorín a partir das cinco da tarde.

Se o Choco tivese derrotado o Somozas sería, o domingo, o rival do Arousa nas semifinais pola súa condición de peor equipo chegado á fase de ascenso. Preguntado polo feito de que sexa finalmente o Estradense o adversario, o presidente do Arousa, Manolo Abalo, declaraba pouco despois da vitoria do Somozas que «tanto daba o rival, tanto o Choco como o Estradense son cortados polo mesmo patrón e sempre nos dan guerra».

No caso do Estradense, Abalo sabe da forza que lle dá a súa afección. Por iso anima os seareiros arousistas a esgotar as entradas dispoñibles —o 5 % das 698 están reservadas para o equipo rival—. E por iso o club comezará hoxe repartir banderíns arlequinados nos establecementos comerciais e hostaleiros da vila para crear o mellor ambiente para o Arousa.

As fontes da vila tínguense de vermello en apoio ao equipo

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o seu concelleiro de Deportes, Miro Serén, compareceran na mañá deste mércores xunto co presidente e co vicepresidente do Arousa, Manolo Abalo e Rodrigo Lojo. Un acto no que Varela informou que desde onte á noite as grandes fontes do centro da vila, as das prazas de Galicia, da Independencia e do Obelisco, lucirán en vermello como sinal de apoio da localidade ao seu equipo na promoción. O alcalde comprometeu a axuda do Concello ao club en todo o que precise estes días de guerra polo ascenso e amosouse confiado no éxito arlequinado porque, di, «Manolo, o fútbol débeche un ascenso».