A fase de ascenso do Arousa retrasaráse dunha a dúas semanas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ramón Leiro

O positivo en covid-19 dun xogador do Choco adía as semifinais e a final

26 may 2021 . Actualizado a las 22:17 h.

Nin o mércores 2 de xuño xogará a semifinal, nin o domingo 6 o hipotético partido polo terceiro e último ascenso en xogo á Segunda División R.F.E.F. Ao igual que coa derradeira xornada da fase polos dous billetes directos á categoría de nova creación, disputada o domingo con dúas semanas de retraso e vitoria 3-1 sobre o Somozas, o Arousa deberá agardar a poder vivir o desenlace da tempada no campo da Lomba ao novo calendario que a Real Federación Galega de Fútbol decida logo de detectarse o contaxio por covid-19 dun dos futbolistas do C.D. Choco.

O único confirmado desde a Federación este luns é a suspensión sen nova data por parte do Xuíz Único de Competición do partido de cuartos de final que o cadro redondelán ía disputar este domingo no feudo do Somozas. Tanto o cadro de futbolistas como o de técnicos do Choco permanecerán confinados por orde da autoridade sanitaria galega ata o resultado das PCRs ás que se someterán o martes 1 de xuño. Así as cousas, e inda co Alondras-Estradense en pé para este próximo domingo, será imposible manter as datas das semifinais e da final da promoción. Sendo que o Choco terá que disputar antes o seu duelo co Somozas, e vendo os precedentes do groso dos partidos aprazados esta tempada polo Xuíz Único de Competición a raíz de contaxios por covid-19, todo apunta máis a que semifinais e final se posporán dúas semanas.

Ás sete da tarde no Arousa non tiñan inda notificación oficial do adiamento da súa semifinal, dixo o adestrador do primeiro equipo. Con todo, Rafa Sáez sinalou que si sabían do caso do Choco e, oficiosamente, da necesidade de desprazar no calendario a súa primeira cita a todo ou nada na Lomba. Como lle afectará ao Arousa? «Al tener que parar todos no creo que nadie saque ventaja de esta situación», di Rafa Sáez. A nota positiva para o cadro vilagarcián, o aumento da probabilidade de recuperar para a causa os lesionados Campillo e Beda.