Trivium Packaging e Fundivisa, dous ERTE con orixe e horizontes diferentes en Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A firma de Meis prevé volver á normalidade nunha semana, a vilagarciá non este ano

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns dos principais indicadores do mercado laboral arousán levan varios meses xa debuxando unha alentadora reactivación económica. A saída de 854 persoas na procura dun traballo das listaxes das oficinas públicas de emprego e o aumento en 536 do número de cotizantes á Seguridad Social entre febreiro e abril nos once concellos da comarca así o pintan. Con todo, segue a haber empresas na zona que están a ter que capear o temporal, algunhas recorrendo a un Expediente de Regulación Temporal de Empleo (ERTE), ese paraugas que leva salvados centos de milleiros de empregos desde a xeneralización do seu uso por parte do goberno central como escudo fronte á crise desatada pola pandemia en marzo do ano pasado. En pouco máis dun mes dúas das firmas con maiores cadros de persoal da zona, Fundivisa e Trivium Packaging Ibérica, tiveron que recorrer a cadanseu ERTE. Claro que tanto as súas motivacións coma as súas follas de ruta son ben distintas.

Un ano resistiu Fundisiva ao duro golpe que para a súa actividade, a fundición de hélices para grandes barcos de pasaxe, supuxo as limitacións á mobilidade pola pelexa contra a expansión do covid-19 tras un 2019 no que facturara 12,29 millóns de euros. A incerteza que se mantén inda hoxe no tocante ás previsións de reactivación do turismo, tamén o marítimo, levou «as grandes empresas do sector a frear a renovación das súas frotas e os seus novos proxectos de barcos», apunta Anxo Lúa, responsable de industria para as comarcas de Pontevedra e do Salnés da CIG, un dos sindicatos con representación no comité de empresa de Fundivisa.

Así as cousas, a dirección da factoría do parque empresarial do Pousadoiro, Vilagarcía, tirou dun ERTE por causas de produción que afecta á totalidade dos seus case cen traballadores. A duración do expediente de regulación aprobado esténdese ata o 31 de decembro deste ano, cos operarios alternándose na fábrica por bloques asociados ás diferentes liñas secuenciais de produción en función dos pedidos que vaian entrando en carteira.

O caso do ERTE de Trivium Packaging Ibérica é ben diferente. A súa curta duración prevista é a maior proba, en vigor desde o día 6 do presente mes con data de finalización o 31 de maio. Isto é, tres semanas e media. No caso da factoría de Meis, dedicada á fabricación de envases metálicos, o problema que está a afectar a situación laboral dos seus arredor de 140 traballadores é un ataque informático contra unha multinacional con máis de 60 centros de produción repartidos polo planeta. De feito, o seu é un ERTE por causa de forza maior por sinistro, que afecta a unha firma que, explica o responsable de industria da CIG en Pontevedra e o Salnés, Anxo Lúa, tivo unha carga de traballo coma poucas veces durante a pandemia, ao surtir, entre outros, a sectores da alimentación.

Na primeira semana de maio, desde a firma recoñecíase que o incidente afectou a súa produción, cunha capacidade reducida a falta dunha solución ao problema de base. Neste punto, Lúa informaba onte de que neste momento a factoría carece de material para seguir fabricando, limitándose os pouco máis dunha ducia de traballadores activados a «servir os pedidos» co stock inda dispoñible e a «labores de mantemento». Con todo, contan na CIG, a dirección trasladoulle ao comité de empresa que «calcula que volverán dispoñer de materia prima para poder volver traballar a finais da vindeira semana».

Sen carga de traballo desde finais de abril, Carsa agarda volver carrozar en xullo

A entrada en ERTE de Fundivisa entronca co Expediente de Regulación Temporal de Empleo no que se moven os 138 traballadores de Castro Carrocera S.A., Carsa. Dedicada a carrozar autobuses urbanos, pero tamén para o sector turístico, a pandemia provocou un enorme buraco na súa carteira de pedidos. O 30 de novembro iniciaba un ERTE que se estenderá ata o 31 de decembro do 2022. O responsable de industria da CIG en Pontevedra e no Salnés, Anxo Lúa, sinalaba onte que a fábrica vilagarciá leva sen carrozar un só bus desde finais de abril e que non agarda ningún novo nela ata xullo.