A Deputación financia o persoal para xestionar a compostaxe no Salnés

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Acolleranse a estas axudas os concellos de Vilagarcía, Sanxenxo, Cambados, Meis e Meaño

17 may 2021 . Actualizado a las 15:30 h.

A Deputación de Pontevedra vén de recibir dos concellos do Salnés participantes no programa Revitaliza —Vilagarcía, Sanxenxo, Meis, Cambados e Meaño (estes tres últimos municipios compartirán o servizo a través da mancomunidade— a solicitude de subvención para contratar un novo mestre compostador municipal co que reforzar o seu servizo actual e implantar a compostaxe como base da xestión global de residuos nos respectivos municipios.

O persoal contratado grazas ás axudas provinciais traballará durante tres anos nos respectivos concellos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuai, e atendendo á cidadanía.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobou a mediados de abril as bases da convocatoria para as subvencións. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estimábase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres compostadores, mais finalmente as solicitudes (Oia, Ponteareas, Porriño, Tomiño, Valga ademais de O Salnés) cubriranse con nove.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100 % das retribucións dos mestres compostadores no primeiro ano. Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50 % do custe laboral e o terceiro ano, do 30 %.