Seguindo os pasos do xardineiro dos ingleses

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

A Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía é un foco de cultura

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía é un foco de cultura. Un centro no que o alumnado aprende a expresarse noutras linguas, descobre outras formas de vivir e, tamén, somérxense no mundo máis próximo, ese que corremos o risco de non coñecer máis que superficialmente. Esa inmersión no local foi o que se fixo este ano, ao abeiro do Club de Lectura. Despois de ler e debullar a obra O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, os participantes neste foro tiveron unha idea: por que non facer un roteiro seguindo os escenarios que aparecen na novela, ambientada na Vilagarcía de cen anos atrás?. A pregunta respondeuse con traballo e coa implicación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, que impulsou a elaboración dun percorrido literario con quince paradas.

Os participantes no club de lectura serán os encargados de inaugurar unha ruta que, arrinca na estación de Carril, percorre rúas de nomes xa esquecidos, para en cafés como o Universal -desaparecido hai tanto-, e remata no Cemiterio dos Ingleses, en Rubiáns.

O percorrido pódese facer seguindo unha orde xeográfica, ou ben atendendo á cronoloxía do libro, só que para isto último cómpre andar e desandar, xogando ao ritmo que marca a historia de Calveiro. A elección dos lugares nos que se fai parada foi tamén cousa dos alumnos do club de lectura, que foron os encargados de poñer voz aos textos escollidos para explicar cada unha das paradas.

A eses documentos sonoros pódese acceder a través da tecnoloxía. No díptico editado sobre o roteiro literario inclúese un código QR mediante o que se pode acceder tanto ao mapa, á ubicación das quince paradas no GoogleMaps, a extractos do libro e a audios. É dicir: escaneando esa composición de puntos e raias temos acceso ao universo de Calveiro e das personaxes da súa novela.