Ascender xa é máis unha cuestión de matemáticas ca de fe

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Arousa ten o segundo poste a tiro

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa despedirá esta semana abril cun horizonte de futuro ben distinto ao que se lle presentaba á conclusión da primeira semana do mes a piques de concluír. O domingo 4 o conxunto que dirixe Rafa Sáez caía pola mínima no terreo de xogo do filial do C.D. Lugo. Un 1-0 a mans do Polvorín que confirmaba unha crise de resultados cando tocaba dar o do de peito. Sumando tan só 1 dos últimos 9 puntos entre as dúas últimas xornadas da primeira fase da Liga de Terceira División, con derrota no feudo do veciño C.D. Ribadumia, 2-1, e empate sen goles na Lomba fronte ao Alondras. O 1-0 encaixado do Polvorín relegaba así o Arousa ao quinto posto do grupo de seis equipos en loita polas dúas prazas de ascenso directo ao termo da primeira da media ducia de xornadas desta segunda fase do campionato. A 4 puntos do filial lugués. Pero o máis desalentador, 10 puntos por debaixo do líder, Bergantiños, e 9 máis o goalaverage en contra do C.D. Arenteiro. Hoxe, tres partidos despois, as perspectivas do conxunto arlequinado viraron preto dos 180 graos.

Se o 4 de abril o horizonte máis realista para a afección arousista era pensar en centrarse na pelexa pola terceira praza e, con ela, a mellor posición de partida nas eliminatorias polo terceiro e último billete á nova Segunda División R.F.E.F.; as vitorias encadeadas sobre o Bergantiños, 3-1, Somozas, 0-1, e Polvorín en Vilagarcía, 2-1, colocan o cadro de Rafa Sáez en situación de pelexar ata o último día pola segunda praza de ascenso directo.

Co Arenteiro celebrando o domingo o seu salto de categoría cunha manciña ao Somozas, 5-0; a inesperada derrota o domingo do Bergantiños no terreo de xogo do Alondras, 2-1, deixa o equipo de Carballo a tiro de 4 puntos do Arousa sendo que a este último lle toca visita este domingo ao Campo Municipal das Eiroas (17 horas). Así pois, se o conxunto vilagarcián é quen de derrotar por segunda ocasión o Bergantiños, chegaría á derradeira xornada da fase de ascenso podendo superalo na clasificación. Bastándolle cun empate na Lomba co Somozas, pechacancelas do grupo con pleno de derrotas na fase, sempre e cando o cadro de Carballo non puntuase no seu duelo a domicilio co C.D. Arenteiro. O Arousa inda podería ascender igualmente se o Bergantiños non pasa do empate ao tempo que en Vilagarcía se celebra un triunfo sobre o Somozas.