O confinamento dunha parella en 32 metros cadrados, no Auditorio

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

cedida

A comedia 32m2 representaráse este sábado, coas entradas xa á venda

15 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A oferta teatral para esta fin de semana no Auditorio de Vilagarcía chega con 32m2, unha comedia baseada nas vivencias e vicisitudes dunha parella confinada nun apartamento de 32 metros cadrados. O espectáculo da compañía Butacazero represéntase este sábado, a partir das 20.00 horas. A entrada custa 5 euros para o público xeral e 3 para os colectivos bonificados (maiores de 65 anos, mocidade e persoas desempregadas). O aforo polas normas sanitarias limítase nestes momentos a 100 butacas. 

32m2 baséase nun texto escrito por Xavier Castiñeiras e Esther Carrodeguas e protagonizado por Xurxo Cortázar e Nuria Gullón. Estes dous actores dan vida a Xan e a Mar, unha parella que, por mor dun virus, teñen que permanecer confinados nun pequeno apartamento. En principio, todo semella un xogo: estantes cheos de comida, cervexa e papel hixiénico, quita o sofá para poñer a cama, quita a cama para poñer a cea, saca medio corpo polo ventanuco para pillar a wifi da veciña e escotar ás 20 horas os aplausos nos balcóns de quen os ten. E daquela soa o teléfono e unha voz informa a Mar que a súa nai acaba de morrer nunha residencia. Pero… a nai de Mar estaba viva? 

As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com ou do teléfono 902 504 500. A venda anticipada implica custes de xestión.De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o día da función na billeteira do Auditorio dende as 18:00 horas.