O conxunto que dirixe Nando González xoga no campo santanderino
04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«Xa levamos varias semanas con partidos nos que só nos vale sumar os 3 puntos». Con esta frase resume o seu técnico o camiño que lle queda ao Atlético Arousana de aquí ao 20 de xuño, data da derradeira xornada da liga pola permanencia na Primera Nacional, que este verán pasará de terceira a cuarta categoría do fútbol feminino español.
Hoxe, e logo da alegría de arrincar a segunda e definitiva fase cun triunfo, 4-2, sobre a U.D. Llanera de Asturias, o conxunto que dirixe Nando González enfróntase a domicilio co C.D. Monte; a partir das 12.30 horas, no campo santanderino de San Juan del Monte.
O C.D. Monte iniciou a liga pola permanencia con 21 puntos, o triplo cos que chegou da primeira fase o cadro vilagarcián. Hoxe, o equipo cántabro comeza o choque cuarto na clasificación de once conxuntos en lid, co galego na novena posición con 10. E iso, tras a derrota do C.D. Monte, 3-1, na súa estrea ante o C.D. Valladares nun novo campionato ó que todos os equipos chegan cos puntos sumados no primeiro treito da tempada e no que só se medirán a aqueles rivais procedentes do outro subgrupo. Isto é, os galegos fronte cos asturianos e cántabros.
A expedición do Atlético Arousana partía onte ás tres da tarde desde Vilagarcía. Facíao con todas as xogadoras do cadro a disposición do seu adestrador, e coa conciencia de que, tras a vitoria o xoves do Umia 2-3 sobre a Llanera en partido adiantado da xornada, poderían situarse a 4 puntos da zona de salvación.