O compositor Eligio Vila estrea en Vilagarcía

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O concerto terá lugar no auditorio municipal da cidade, baixo a interpretación da agrupación feminina Mona

31 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Importante de por si, o quinto aniversario da Sociedade Filharmónica de Vilagarcía traerá consigo unha grata sorpresa para os afeccionados á música culta na capital arousá. O compositor Eligio Vila decidiu aproveitar o 5 de novembro para agasallar á entidade coa estrea absoluta de El rincón de los espíritus, unha peza para cuarteto de corda creada para a ocasión. O concerto terá lugar no auditorio municipal da cidade, baixo a interpretación da agrupación feminina Mona. 

A presentación desta cita correou onte a cargo do propio compositor vilagarciá, ao que acompañaron a concelleira de Cultura, a socialista Sonia Outón, e José Luis Sanz, o presidente da Sociedade Filharmónica. Vila, que vén de publicar a súa obra -Cuarteto Nº 3 para corda, Op. 35, El rincón de los espíritus- coa prestixiosa editorial catalá Bretons & Mercandal, entregou unha copia da súa edición impresa ao propio Sanz. Outón, pola súa banda, quixo felicitar á Filharmónica polos seus cinco anos de vida e o intenso traballo que desprega para popularizar a música clásica entre os vilagarciáns. Uns parabéns que estendeu a Vila, «tanto pola obra que acaba de presentar para este aniversario como pola excelencia profesional que ten amosado na súa longa e prolífica carreira».

José Luis Sanz lembrou, á súa vez, o papel que Eligio Vila e el mesmo xogaron hai más de vinte anos, ao crearen o comité cidadá para a construción en Vilagarcía dun auditorio destas características, ademais de participaren ambos na fundación da Sociedade Filharmónica: «É un luxo ter entre nós un compositor do seu nivel, que fixo estreas mundiais das súas obras en Caracas e Isla Margarita, en Venezuela, e tamén en Chile, e as súas obras foron interpretadas en Italia ou Portugal entre outros países».

En canto ao 5 de novembro, a concelleira explicou que a data adiouse no tempo para agardar que o nivel de vacinación sexa entón importante, e a estrea poida ter a pegada que merece, co meirande número de público que sexa posible. Mona, composto por catro mulleres residentes en París, enmarcará El rincón de los espíritus no programa da vindeira tempada da Filharmonía. A peza, subliñou o seu autor, procura a creación «dun clima fantasioso e sobrenatural». O profesor do conservatorio Jesús González tamén recibiu palabras de eloxio polo seu traballo coa editorial Bretons & Mercandal.