Jéssica Bouzas estrea o seu mellor posto no ránking WTA: 620

VILAGARCÍA DE AROUSA

ACADEMIA TENIS FERRER

A vilagarciá encadea esta semana o seu segundo torneo sobre terra batida baixo teito en Francia, o Open du Havre

23 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Á terceira foi vencida. Logo de gañar as súas dúas primeiras finais individuais no seu ano de estrea como tenista sénior, ambas en xaneiro na cidade do Cairo, Jéssica Bouzas caía o pasado domingo ante a gala Marine Partaud 6-4/6-3 na final polo título do Torneo Internacional de Tenis Feminino de Gonesse. Un paso máis no camiño de aprendizaxe e de crecemento da vilagarciá da Academia Tenis Ferrer nas pistas do tenis profesional. Pero tamén un resultado que lle permitiu sumar 14 puntos ao seu casilleiro no ránking WTA e abrir a presente semana escalando desde o posto 693 ao 620 do listado de referencia mundial no deporte da raqueta feminina.

Con 57 puntos, con datos do portal especializado live-tennis.eu -a WTA está a ir cunha semana de retraso nas súas actualizacións-, Jéssica Bouzas mellora o seu ata agora mellor rexistro, o posto 679 que lucía o 25 de xaneiro, tras computarse os seus dous éxitos no Cairo.

A súa actuación en Gonesse recibiu o plus da presenza no torneo galo de Anabel Medina, a ex tenista profesional e capitá da Fed Cup, que hoxe traballa para a Real Federación Española de Tenis facendo seguimento de xogadoras.

Jéssica Bouzas encadea esta semana o seu segundo torneo en terra batida baixo teito en Francia. Xogando o Open du Havre, outro W15, como os torneos de Gonesse e O Cairo. A súa primeira rival, a xuvenil gala Lucie Nguyen Tan, de 17 anos e número 1.270 no ránking WTA.