Xoel Otero, da Mazí, bronce galego no triplo salto, o seu primeiro podio absoluto

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

Inda Sub-18, o atleta vilagarcián fíxose coa medalla cun mellor intento de 12,93 metros

17 mar 2021 . Actualizado a las 18:54 h.

Intensa e frutífera a pasada fin de semana para a Agrupación Atlética Mazí. Cunha ducia de deportistas da súa base buscando mínimas para as citas autonómicas das súas respectivas categorías, e con catro atletas disputando cadanseu Campionato Galego.

Dous deles, Xoel Otero e Lucía Sánchez, competiron o domingo en Expourense no Absoluto de Pista Cuberta sendo inda deportistas Sub-18. Unha circunstancia que non lle impediu a Xoel Otero estrearse nun podio sénior no concurso do triplo salto. Co seu terceiro intento, de 12,93 metros, outorgándolle a medalla de bronce pese a estar lonxe da súa marca da tempada e á decisión da dirección técnica da Federación Galega de Atletismo de prescindir da táboa de 11 metros desde a que realiza habitualmente as súas competicións.

Lucía Sánchez clasificouse por tempos para a final dos 200 metros lisos cun crono de 28,21, pero non puido gozar do premio ó mancarse na súa serie. Antes, disputara as semifinais dos 60 metros lisos, sen pasar o corte co undécimo tempo, 8,27.

O sábado, no mesmo escenario no Galego Sub-16 de Pista Cuberta, Darío Núñez rematou cuarto no lanzamento de peso de 4 quilos cun mellor rexistro de 9,41 metros; mentres co seu compañeiro da Mazí Daniel Varela foi sexto no triplo salto cunha marca de 10,44.