Javi Fontán: «Non contaba con gozar tanto no campo esta tempada»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O lateral do Arousa, que vén de marcar o seu segundo gol, sinte «máis confianza» có curso pasado. Sobre a situación do seu irmán no Celta, di que «José está moi animado» pese a levar tempo sen xogar nin en Primeira nin en Segunda B

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non pintaba demasiado ben o partido do domingo para o Arousa fronte a U.D. Ourense na primeira media hora longa de xogo. Posesión e ocasións alternas sobre un campo, o da Lomba, en mal estado. Ata que Javi Fontán se atopou, literalmente, co balón case a ras da liña de gol nun córner botado por Kilian no 36. «Eu pensaba co porteiro collera o balón; cando vexo que falla xa tiña o balón enriba golpeándome nun xeonllo ou nunha perna», recordaba onte o lateral dereito. Un relato que dá conta de como a fortuna acompaña a quen a busca, da única maneira na que se procura a sorte, con traballo. A do probablemente xogador máis en forma e enchufado do cadro arlequinado.

O gol co que Javi Fontán abría a lata nun partido sen dono nin horizonte claro é o segundo da súa conta na súa segunda tempada no Arousa. Dúas comparecencias de Liga na Lomba atrás, tamén desfacía o 0-0 noutro saque de córner, no minuto 6, cabeceando no primeiro pau libre de marca o balón colgado por Mon. Daquela os de Rafa Sáez non conseguiron pasar do 2-2 fronte ao C.D. Barco.

Baixa esta semana por tarxetas

Tras xogar oito partidos de titular e outros tantos saíndo desde o banco na súa primeira tempada co Arousa, Javi Fontán figurou no once de inicio arlequinado nos 17 partidos consumidos este curso. Un pleno que rachará este domingo no campo do Atios, logo de ver a súa quinta amarela da campaña ante a U.D. Ourense.

¿A que se debe este salto? Máis aló de redirixir a pregunta ao seu adestrador, Javi Fontán apunta que «este ano me noto con moita máis confianza e iso trasládase ao campo», para confesar que «non contaba con gozar tanto no campo esta tempada». Unha situación que atribúe en gran medida a «o grupo que temos no vestiario, ao que teño que darlle as grazas».

Ao tempo que sinte que no Arousa son uns privilexiados por «poder gozar do fútbol nestes momentos» de pandemia, Javi Fontán lamenta o «mal» que se leva non poder contar coa afección nas gradas. Esas máis de 1.000 gorxas que o equipo calcula detrás del polo apoio recibido nas redes sociais.

«Cando falo con José está moi animado», di da situación do seu irmán, sen minutos no Celta

«Sería unha alegría para todo o pobo de Vilagarcía que conseguísemos o ascenso», di Javi Fontán, implicado ao cento por cento como todo o equipo na misión que se lle encomendou polo club.

A súa feliz campaña contrasta hoxe coa do seu mellizo, José, co que chegara á canteira do Celta de alevín de segundo ano. Mentres Javi decidía volver ao Arousa en marzo do 2019 para completar o seu último curso xuvenil, José seguiu medrando no Celta. Pero da súa titularidade en Primeira en varios partidos ao comezo desta tempada da man de Óscar García pasou a non xogar un minuto con Coudet, co que adestra, e non ser convocado por Onésimo para o filial de Segunda B.

Preguntado pola situación do irmán, o arlequinado sinala o obvio, que «é complicada», pero tamén que «José ten a cabeza moi ben amoblada. A outro futbolista igual o afundiría, pero cando falo con el está moi animado. Ao final está adestrando cun Primeira, que é o que todo futbolista querería».