Apunten datas: do 22 ao 31 de outubro, Curtas 2021

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os responsables do Festival do Imaxinario de Vilagarcía anuncian a colocación no calendario da súa nova edición e mais o día da apertura da recepción de traballos audiovisuais

19 feb 2021 . Actualizado a las 22:48 h.

«Thrillers que te deixarán sen alento, embriagadores soños de ciencia ficción, terror de alto impacto». Todo iso «xunto as propostas máis imaxinativas e innovadoras da fantasía» é o que, adiantan os responsables do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, volverán ofrecer no último trimestre deste ano. Concretamente, entre os próximos 22 e o 31 de outubro. Datas que a organización vén de facer públicas, dando deste xeito o pistoletazo de saída á confección do seu sempre ambicioso cartel para a que será a edición número 49 dun certame que nacía no xa desaparecido Casino da capital arousá na década dos 60 do século XX.

Un cartel que comezará pola selección de longametraxes e de curtametraxes que optarán aos premios das diferentes seccións oficiais do festival, que manterá a súa natureza eminentemente audiovisual, e que desde a súa reformulación a mediados da década pasada se consolidou como o de maior dimensión de Galicia especializado en cinema fantástico. Un xénero que eleva a conveniencia da proxección en pantalla xigante aparellada a toda boa produción fílmica. E así volverá ser no Curtas Festival do Imaxinario 2021, segundo adiantaron os seus responsables. Tanto se as condicións sanitarias permiten volver a unha celebración de toda a vida, sen restricións ao contacto de acelerarse a vacinación xeral da poboación e probarse esta altamente efectiva contra o covid-19. Ou ben tendo que aplicar redución de aforos, como xa sucedeu na última edición, en outubro do 2020, na que o equipo que encabeza Luis Miguel Rosales mantivo abertos os espazos de proxección aplicando rigorosamente as directrices públicas hixiénico-sanitarias.

O vindeiro mércores, día 24, abriráse o prazo para a presentación de obras a competición nas diferentes seccións a concurso. As bases e mais as plataformas de envío están publicadas xa na web oficial do festival, curtas.org. Ademais, Rosales e compañía están a traballar xa na listaxe de grandes convidados do mundo do audiovisual, pero tamén da banda deseñada, da literatura e de modalidades de expresión artística relacionadas.

Cartel con pista

Se ben non quixo desvelar o tema central da vindeira edición, a dirección do Curtas deixou no cartel anunciador das datas do certame unha pista para aqueles afeccionados aos xéneros do cine fantástico e do terror máis avispados. Con dous longos e esqueléticos brazos estirados rematados en cadansúa man de tres dedos e afiadas gadoupas que, pese á súa pinta de compaña pouco recomendable no medio da escuridade, sosteñen con delicadeza a primeira e a última letra do Curtas.