Os alcaldes do PSOE pídenlle á Xunta 250 millóns para afrontar os gastos do covid

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os socialistas argumentan que deben ser os concellos a que reparta as axudas públicas

16 ene 2021 . Actualizado a las 20:38 h.

Os 22 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia de Pontevedra acordaron esixir da Xunta a transferencia inmediata de 250 millóns de euros, con criterios regrados, entre tódolos concellos de Galicia «para que sexa a administración local, a máis próxima á cidadanía e a primeira porta á que chama a xente cando hai un problema a que reparta as axudas aos sectores máis afectados pola pandemia de covid-19». Así se acordou nunha xuntanza telemática na que participaron tamén tenentes de alcalde, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os presidentes das federacións española (Femp) e galega (Fegamp) de municipios e provincias, Abel Caballero e Alberto Varela.

O municipalismo pontevedrés expresa «a súa fartura cun Goberno galego, sempre preocupado pola confrontación como estratexia para eludir as súas responsabilidades, mesmo nunha situación tan crítica como a actual». «Quen pecha, paga», engaden os socialistas, que defenden que o mesmo día en que a Xunta acorde pechar ou restrinxir un sector debe aprobar as indemnizacións correspondentes.

Ademais ofrecéronse para que, unha vez transferidos eses 250 millóns (en torno a 120 millóns por cada un dos dous anos da pandemia), os concellos sexan o portelo único onde se tramiten e resolvan as axudas reais «con cartos contantes e soantes en lugar do fume da propaganda institucional».

O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, lembrou que a Xunta ten recibido xa 1.193 millóns de euros extraordinarios do Goberno de España para atender tódalas frontes derivadas da pandemia e non transferiu nin un só euro aos concellos galegos. «Os concellos están afogados, algúns repartiron case o 5% do seu Orzamento en axudas directas, e Feijoo pretende que sexan eles os que sigan pagando case en solitario a factura da pandemia».

O secretario xeral demanda unha explicación detallada do destino deses 1.193 millóns de euros «que a Xunta meteu non sabemos onde, aínda que sospeitamos que, parcialmente, acabaron nas súas carísimas campañas de publicidade».