Os grandes torneos, entre a suspensión definitiva e o pesimismo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Arousa cancela outro ano o Cidade de Vilagarcía. AF7 e Ribadumia veno moi negro e outra Semana Santa sen VBC, e o EncestaRías, no aire

14 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando xa hai voces autorizadas no eido da viroloxía que falan de que estamos a padecer non xa a terceira onda da pandemia de covid-19, senón a cuarta, cabe preguntarse, no mundo do deporte, se os grandes eventos suspendidos no 2020 poderán regresar nun 2021 que perde a velocidade acelerada ese manto de luminoso optimismo co que se celebraba a súa chegada hai tan só trece días. Unha pregunta máis pertinente aínda cando falamos de grandes eventos a pequena escala, como os dunha comarca como a arousá, enfocados na súa maioría a categorías base e sen capacidade para custosos dispositivos hixiénico-sanitarios como cos que se tratan de blindar competicións do máximo impacto económico, caso das grandes ligas de fútbol e de baloncesto. A confirmación por parte do Arousa da cancelación por segundo ano do Torneo Cidade de Vilagarcía abre un camiño que, a día de onte, vén moito máis preto ca lonxe de seguir os responsables do Arousa Fútbol 7 e da Copa Ribadumia Clae Viajes, as tres citas balompédicas da bisbarra con cartel de primeiro nivel, nacional e mesmo internacional.

Tanto é así, que a ameaza de que Arousa quede por segundo ano consecutivo en Semana Santa sen o espectáculo, pero tamén sen o rico impacto económico dos seus grandes campionatos está xa a medio materializar. Desde a Vilagarcía Basket Cup desbótase a celebración na súas datas tradicionais, retrasando, de ser finalmente posible facelo, o seu torneo a non antes de setembro. Mentres, o AF7 ve moi difícil poder disputar a súa previa e, polo tanto, sacar adiante as súas vodas de prata que, como no caso da VBC, tocaban celebrar no 2020.

torneo cidade vilagarcía

Cortando polo san. «Suspendémolo». O director do Torneo Internacional Cidade Vilagarcía, Rodrigo Lojo, confirmaba onte a decisión do Arousa de cancelar por segundo ano un campionato benxamín que deberá seguir á espera de mellores tempos para ver a súa novena edición. A razón, obviamente, é a situación epidemiolóxica e sanitaria de Galicia e de España, que fai dificilmente crible unha situación que permita a disputa en Semana Santa, a primeira do mes de abril, da fase previa con 40 equipos que se anunciara como principal novidade en febreiro do ano pasado. Fase da que ían saír 10 dos conxuntos dun cartel final programado no 2020 para finais de maio, con participación maioritaria de canteiras de clubs da Primeira e da Segunda División profesionais españolas.

 

 

arousa fútbol 7

«Temos unhas perspectivas malísimas». En condicións normais, o cambio de ano viría acompañado polo anuncio da apertura da inscrición para a fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7. Unha cita con 80 equipos que durante catro días, do xoves ao domingo da Semana Santa, pon en xogo catro das 20 prazas da fase final dun dos campionatos máis prestixiosos da categoría a nivel continental, que se disputa en tres días en maio ou de xuño, segundo o ano. O voceiro da súa organización, Alberto Diz, declaraba onte que «os datos da pandemia son peores agora ca en ningún momento. Estamos valorando que facer, pero está moi complicado que este ano poidamos facer nada», tratándose como se trata o seu torneo dun «evento con moita xente convivindo en espazos compartidos, en hoteis, transportes...». Os responsables do AF7 agardarán a comezos de febreiro para ver a situación entón e, sobre todo, o horizonte a medio prazo. Adiantando que «se non hai previa non ten sentido facer a fase final». No 2020 moveran a previa e a fase final, prevista para maio, agrupándoas en setembro, pero o inicio da segunda vagada do covid-19 acabou obrigando no verán á cancelación definitiva.

copa ribadumia clae viajes

Todo parado. Co vilagarcián Paco Ozores á fronte, baixo o amparo do C.D. Ribadumia e co patrocinio da axencia turística que lle dá parte do seu nome, o campionato ribadumiense tiña todo preparado para a celebración da súa segunda edición cando o goberno central decretaba a mediados de marzo do 2020 o estado de alarma e o confinamento domiciliario do país. Dous torneos nun, con medio cento de equipos no de categoría benxamín e 30 no infantil, este último con conxuntos procedentes non só de España, tamén doutros puntos de Europa e dos continentes africano e asiático. Neste intre «todo está parado. Este ano non fixemos xestión ningunha, non temos nada avanzado», conta Paco Ozores. «Descartado ao cento por cento non está, pero está moi complicado que fagamos o torneo», sinala, apuntando o comezo de abril como o límite para tirar para adiante un torneo que, en todo caso, pouco tería que ver co ultimado no 2020. «Sería máis a nivel de Galicia e das comunidades próximas», adianta Ozores.

Outra Semana Santa sen VBC, e o EncestaRías, no aire

«Nin se nos ocorre pensar en organizar o torneo en abril. Primeiro, porque non queremos que os rapaces xoguen con máscara. E segundo, porque non podemos arriscar a saúde de mil rapaces por moito que queiramos facer o torneo, que queremos». Na organización da Vilagarcía Basket Cup non o dubidan. O seu director, Alberto Blanco, sinalaba onte desde Bratislava, Eslovaquia, onde dirixe o equipo profesional de cabeceira da cidade, que «temos descartado facer o torneo na Semana Santa», esperanzado en poder celebrar a súa vixésimo quinta edición despois do verán.

Pensar noutra cousa, subliña Blanco, «sería un despropósito. Reunimos un milleiro de xogadores e unhas tres mil persoas de Galicia, de Asturias, de Castela-León, de Euskadi, de Madrid». Coa administración da vacina contra o covid-19 practicamente inda sen arrincar, un evento destas características en abril sería, di o vilagarcián, «poñer unha bomba epidemiolóxica».

Desde a VBC confían en que o avance da vacinación permita abrir un novo escenario de control da pandemia a partir de setembro que permita desenvolver o seu campionato, e facelo respectando a súa filosofía de «torneo de convivencia; e iso non pode ser con máscaras, distancias de seguridade...». E «se temos que agardar ata o 2022 para facer o torneo que queremos, agardaremos», apunta Blanco. Unhas vodas de prata, entenden na Vilagarcía Basket Cup, ben o merecen, co Obradoiro comprometido a xogar un partido cun rival do máximo nivel en Vilagarcía a modo de tarta na festa de aniversario.

A volta da ACB a Vilagarcía

Ese mes de setembro ao que olla Alberto Blanco con mirada esperanzada é no que os organizadores do Torneo EncestaRías de Vilagarcía desexarían poder colgar o cartel da sexta edición roubada pola pandemia no 2020 aos afeccionados ao baloncesto de elite. Iván Villar, codirector do campionato que arrincaba no 2015 como triangular e asentado desde o 2017 con catro equipos ACB e da elite europea en acción, declaraba onte que o EncestaRías «como todos os torneos este ano, está no aire». Villar explica que «ata xuño temos marxe» para tirar para adiante, se ben a posibilidade dun retraso de varias semanas dos Xogos Olímpicos non fai máis ca dificultar a celebración do cuadrangular.