«É tamén un tempo de oportunidades»

Máis alá dun puntual plan de rescate, os axentes da industria musical en Galicia propoñen aproveitar o momento actual para solventar a histórica precariedade legal, laboral e fiscal do sector


Malia a crúa e abrupta constatación dun presente traumático, un halo de esperanza e optimismo sobrevoou a mesa redonda sobre o futuro da industria musical en Galicia que La Voz organizou en Vilagarcía. Os catro relatores coincidiron en sinalar o difícil momento actual tamén como «un tempo de oportunidades», unha ocasión para redefinir e sentar as bases dun futuro que supere as eivas que historicamente lastraron o desenvolvemento das actividades culturais e que non pouco teñen que ver coa crítica situación presente.

Para Kin Martínez, presidente de Es Música e xerente de Esmerarte, «o sector debe traballar e facer propostas para que o peor momento histórico se converta nun momento de oportunidade para aproveitar uns recursos que nunca tivemos e facer proxectos que cambien dunha vez por todas a situación de precariedade tanto a nivel fiscal, como laboral, educativo ou industrial».

Unha idea que foi compartida por Guadi Galego: «Imos sufrir moito pero o que temos que facer é aproveitar este momento para sentar as bases doutro xeito de facer. O anterior non nos funcionaba. Mentres as cousas foron máis ou menos ben, deixámonos ir. Pero agora demostrouse que o sistema non é eficaz. Non todo hai que míralo en termos estritamente económicos. Aínda que non gañemos moito, sentar ben as bases do que vai ser o futuro é moito máis importante do que pensamos», comentou a artista que hoxe mesmo publica novo disco, Costuras.

Tamén Miguel de la Cierva, propietario do Náutico de San Vicente, reclamou «un marco legal, laboral e fiscal para que todos os axentes do sector poidamos traballar en xustiza». Unha sorte de «estatuto dos traballadores da música», apuntouse.

Os relatores solicitaron das autoridades un «plan de rescate urxente» para o sector, que permita, antes que nada, protexer o capital humano. «Se os nosos profesionais, os que levan moitos anos traballando, se dilúen noutros sectores laborais, a recuperación será imposible», apuntou Guadi Galego. Para iso, como primeiro e fundamental paso, reclamaron «que se recoñeza a este sector como un sector produtivo como outro calquera».

O PAPEL DAS INSTITUCIÓNS

Como era de agardar os catro protagonista elevaron as súas demandas antes as institucións e os gobernos. Para Susana Laya, organizadora do Atlantic Fest, «el papel de las instituciones es fundamental porque ahora mismo para una empresa es inviable organizar nada pero necesitamos mantener vivas nuestras marcas. Si desapareciesen sería un trabajo de muchos años perdido».

Miguel de la Cierva solicitou coherencia ás Administracións. «Coherencia de criterio á hora de paralizar ou rescatar sectores. E que as Administracións escoiten a todos os actores do sector antes de tomar as medidas. Se antes de implementar as axudas tiveran un diagnóstico preciso acertarían moito máis á hora de salvar determinadas situación».

Para Guadi Galego «as institucións teñen neste momento o deber de transmitir que a cultura é segura, necesaria e esencial para a sociedade. Iso tense que traducir transmitíndolle á poboación que o noso é un sector prioritario».

Na mesa redonda tamén se puido escoitar, por videoconferencia, a voz das Administracións. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, referendou que «este é o momento de facer unha reflexión acerca de como se normativiza un sector tan importante como é o da industria musical, que xera moita actividade económica e moito emprego». Nese sentido lembrou que dende a Deputación pontevedresa «non só non paramos os programas que tiñan que ver coa actividade musical senón que os reforzamos. Porque temos que garantir que non perdamos esas empresas nin eses eventos que levou tanto construír. Todo iso é riqueza».

A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, sinalou que «para nós a suspensión é a última opción. Sempre tivemos claro que tiñamos que seguir programando co aforo que nos deixaran. Se as Administracións se retiran nun momento no que para o sector privado é imposible facer espectáculos, o peche sería absoluto».

A música como atractivo turístico

Lembrou Kin Martínez que en España a música perdeu de facturar no 2020 arredor de mil millóns de euros. Se embargo multiplícase por sete o impacto económico negativo que isto xerou. É dicir as industrias auxiliares que dependen da actividade musical perderon 7.000 millóns.

Tamén interveu por videoconferencia o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, quen asegurou que «Galicia debe seguir mantendo a súa aposta pola cultura como atractivo turístico. O que hai é que buscar fórmulas concretas que beneficien tanto a uns como a outros».

Nesa mesma dirección, Miguel de la Cierva vaticinou que «naqueles territorios nos que a música vaia da man do turismo vaise recuperar moito máis rápido».

Para o presidente da Federación de Música de España, que os gobernos non vexan a industria musical como un factor económico de primeiro orde é dunha cegueira tremenda. «As fábricas de coches, de música ou de barcos poden levalos a outros territorios. Que é o que non nos poden quitar? A nosa cultura. Porque forma parte da nosa identidade. Pero mentres os gobernos non se dean conta disto, estamos a perder un tempo precioso», advertiu.

Kin Martínez chegou a falar de «falta de respecto histórico» á hora da protección institucional da música en particular e da cultura en xeral. «Se somos o 3,2% da actividade produtiva, e non o digo eu que o di Facenda, deberíamos ter un tratamento acorde a ese 3,2. Cousa que evidentemente non ocorre».

haberá festivais no 2021?

«Penso moito no que deixamos atrás. En canto concedemos», dixo Guadi Galego. «Escoitas a xente que che di 'é que isto agora é así'. Pero é que é así porque non loitamos para que fose doutro xeito».

É o caso do que está a acontecer coas salas de concertos, a maioría delas pechadas dende marzo. O propietario do Náutico advertiu que «xa antes da crise do covid as salas non estaban a ser recoñecidas como actores do ámbito da cultura. Agora a situación e tráxica. Non se arranxas con parches puntuais senón que require unha profunda modificación estrutural».

Respecto ao futuro máis ou menos próximo, Susana Laya, augura que «durante bastante tiempo vamos que tener que seguir conviviendo con protocolos de seguridad, pero eso no nos puede parar».

Tamén haberemos de convivir con outros modelos de desenvolvemento do negocio musical «que viñeron para quedarse», como é o caso do streaming. Kin Martínez advirte do risco de «caer de novo na rede das grandes plataformas que o explotarán de xeito que o creador ao final sexa o que menos recibe. O streaming si chegou para quedarse. Pero haberá que monetizalo dun xeito xusto».

Unha das consecuencias da crise do covid pode ser o estalido da «burbulla dos festivais». Defenderon Guadi Galego e Miguel de la Cierva unha programación de eventos musicais que sexa «diversa e que chegue a todos os recunchos de Galicia».

O presidente do Clúster de Turismo avogou por «non matar esa galiña dos ovos de ouro que é a oferta de festivais que temos en Galicia e que tantos éxitos nos estaba dando».

Chegou entón a pregunta concreta: Haberá festivais en Galicia no 2021? Susana Laya cree que «grandes, como los que conocíamos hasta ahora, será complicado». Kin Martínez, organizador de O Son do Camiño e do Portamérica, maniféstase máis optimista: «O 2021 está comprometido. O que temos que facer é traballar nun plan B. Se somos capaces de unificar os criterios, o ano que ven podemos facer, non sei se os grandes festivais, pero polo menos si normalizar un pouco a actividade da música en directo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«É tamén un tempo de oportunidades»