Un Arousa sen homes de banda visita un rival directo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Grégor e Pedro García entran nunha convocatoria sen Róber, sen Javi Otero, sen Piay nin Fajardo

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa encara hoxe o desprazamento máis longo de cantos lle tocan na primeira fase da Liga de Terceira División. Cruzando Galicia de oeste a leste para medirse a un dos seus grandes rivais na pelexa polos tres postos que darán dereito a continuar esta tempada a carreira de fondo na procura do ascenso. Desde as 17 horas, no Campo Municipal de Calabagueiros, o cadro que dirixe Rafa Sáez mídese o C.D. Barco.

Ao mediodía parte a expedición arlequinada cara ao Barco. Faino moi mermada de efectivos. Coas ausencias de Róber, por sanción, e de Javi Otero, por unha rotura fibrilar, de Piay, tocado nos isquiotibiais, e de Fajardo, que o xoves sufría unha escordadura nun nocello durante o adestramento arlequinado; o técnico do Arousa debe encarar o esixente choque de hoxe sen homes específicos para o xogo de ataque por bandas. Un perfil ao que se axusta Grégor, o último reforzo do equipo, cedido o xoves polo Céltiga ao vestiario da Lomba ata que se fixe o inicio da Liga de Preferente Galicia. Pero se ben o dianteiro venezolano entra xa na convocatoria de Rafa Sáez, a súa participación no choque apunta, no mellor dos casos, a meramente testemuñal, por canto vén de non adestrar en equipo practicamente desde o primeiro decreto de estado de alarma, o 13 de marzo.

Xunto a Grégor, a gran novidade na convocatoria é a inclusión de Pedro García, que poderá por fin debutar esta tempada, reforzando a medular do Arousa. Nico, dianteiro do conxunto de Liga Nacional Xuvenil, completa a lista de 16 efectivos que Rafa Sáez manexa ante un Barco 2 puntos por debaixo na clasificación.

Tras unha vitoria pola mínima na xornada inaugural, 0-1 no feudo do Estradense, o cadro valdeorrés non foi quen de pasar do empate a 1 en Calabagueiros fronte ao Alondras na segunda xornada, caendo 2-0 na súa última comparecencia ligueira, no Couto coa U.D. Ourense coma verdugo.

Sobre o seu rival, Rafa Sáez salienta que este verán soubo suplir a saída de varios dos seus xogadores importantes a campaña anterior para manter a súa filosofía de xogo. Un estilo que o técnico do Arousa resume sinalando que o Barco «pisa campo rival con muchos jugadores, demostrando una alta eficacia goleadora».