Ravella pagará os gastos do Cortegada que cause a humidade de Fontecarmoa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O Concello tratará de homologar o pavillón de Castelao coma pista alternativa

05 nov 2020 . Actualizado a las 10:26 h.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o seu concelleiro de Deportes, Miro Serén, e o director da Fundación de Deportes, Juanmi Doval, mantiveron na tarde de onte unha xuntanza co presidente e co vicepresidente da Agrupación Deportiva Cortegada, Ramón Estévez e José Gorgoso, respectivamente. Sobre a mesa, o profundo malestar do club de baloncesto logo da suspensión do partido de Liga Feminina 2 que o pasado sábado debía enfrontar o seu primeiro equipo co Rosalía no pavillón municipal número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa por culpa dos problemas de humidades que arrastra a instalación desde a súa construción hai décadas.

Sen querer usar a palabra satisfacción, o certo é que a delegación do Cortegada saíu visiblemente desinflamada do encontro. E iso, tras comprobar que o eco rebotado das súas queixas e preocupacións non desafinaba aos oídos dunha entidade que, como o resto dos usuarios habituais dos pavillóns de Fontecarmoa, leva anos padecendo pacientemente os problemas da instalación en espera dunha solución para un dos emblemas do patrimonio inmobiliario deportivo de Vilagarcía.

Así, ao termo da reunión o vicepresidente do Cortegada explicou que o Concello se comprometeu a tres medidas concretas, unha a medio-longo prazo, a solución total e permanente dos problemas de condensación do recinto deportivo municipal, e as outras dúas a curto prazo.

Sobre a primeira, e tal e como adiantara o propio goberno local a través da prensa, os plans de Ravella pasan por redactar unha auditoría técnica na que recoller as posibles solucións ás humidades. «Explicáronnos que van tentar conseguir fondos europeos para acometer a mellor solución, que non queren poñer parches». E iso, entende e comparte José Gorgoso, levará un tempo considerable. Desde logo, excedendo con moito a presente tempada.

Respecto aos compromisos a curto prazo, os directivos do Cortegada saíron do Concello co anuncio de que desde Ravella «van tentar homologar o pavillón da rúa Castelao como pista de xogo alternativa en caso de que non se poida xogar algún partido no pavillón de Fontecarmoa». O vicepresidente do club compartiu as súas dúbidas sobre se no recinto da rúa Castelao non se atoparían tamén con problemas de humidade os días nos que esta puidera facer acto de presenza no feudo habitual do Cortegada, para recoñecer acto seguido que, con todo, «non estaría mal» como baza na man.

Ademais diso, o goberno local disipou o maior temor que pesaba neste momento sobre o club, comprometéndose, informa Gorgoso, a que o Concello «se faga cargo dos gastos derivados deste aprazamento, e dos que poidan producirse no futuro» polos problemas coa humidade da pista de Fontecarmoa. Gastos que o Cortegada cifra, no casto do Rosalía, entre 800 e 1.000 euros, e que se multiplicarían de repetirse o episodio con clubs doutras comunidades.