A maxia da maridaxe do cine mudo de terror e a música en directo levantan o telón do Curtas

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

60 persoas, o máximo permitido, asistiron ao pase de «O gabinete do doutor Caligari»

24 oct 2020 . Actualizado a las 11:54 h.

Afeita á participación masiva de afeccionados desde o relanzamento do certame audiovisual decano en Galicia, a organización do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía traballou arreo nos últimos meses para conseguir sacar adiante a edición 2020 co máximo de público permitido ante as restricións en resposta á propagación do covid-19. A capacidade de convocatoria do Curtas quedou novamente probada na noite de onte, cos 60 asentos dispoñibles -para esta e para todas as súas demais proxeccións, charlas e presentacións- ocupados no Salón García no acto de inauguración da cita. E non era para menos.

Cun estrito protocolo hixiénico-sanitario, e tras os breves discursos de benvida do director do certame, Luis Miguel Rosales, e da concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, a entrega dun dos premios honoríficos do festival ao guionista madrileño Javier Olivares («Los hombres de Paco», «Isabel», «El Ministerio del Tiempo») deu paso a unha experiencia inolvidable. Baixo os acordes de pulso e letra do quinteto Caspervek, compostos especificamente para a película, os espectadores gozaron da proxección de «O gabinete do doutor Caligari», a obra cumio do cine mudo de terror do movemento expresionista alemán do primeiro terzo do Século XX. 71 minutos de inmersión na poderosa maridaxe dun hipnótico relato en movemento e unha música en directo quen de derrubar a cuarta parede, para capturar os sentidos do auditorio.

As exposicións na Sala Rivas Briones tamén se poderán ver os domingos

O Concello de Vilagarcía informou onte de que, co gallo da celebración do festival, posibilitará que os afeccionados poidan acudir tamén os domingos á Sala Rivas Briones ás catro exposicións que o Curtas inauguraba a comezos de mes, «Alien Experiencie», «Alice de Pasqual Ferry», «Iconos do Fantástico» e «Ilustracións arrepiantes para tremer ao carón da lareira». Así, o recinto municipal abrirá as súas portas mañá de 11 a 14 horas e de 17 a 21, horario que repetirá o 1 de novembro. Nos tres domingos seguintes do vindeiro mes, isto é, os días 8, 15 e 22, a apertura da Sala Rivas Briones reduciráse de 11 a 14 horas. O Curtas ofrece ademais no Auditorio a mostra «Eterno Juan Giménez», tamén aberta mañá, neste caso de 17 a 21 horas.

Encontros con Javier Olivares, Manel Loureiro e, por «streaming», con Ángel Sala

A segunda xornada do Curtas seguirá ofrecendo no Salón García os traballos que se presentan aos seus concursos de longas e curtametraxes e encadeará as primeiras actividades paralelas. Desde obradoiros varios a un episodio da historia de Vilagarcía con axentes do Ministerio del Tiempo que o grupo local Clámide representará desde as 17.30 na Praza da Peixería. E sobre todo, os primeros encontros con autores, no Auditorio, hoxe con Javier Olivares (18.15) e co cerebro de «Apocalipsis Z», Manel Loureiro (19.15). Ángel Sala, director do Festival de Sitges, disertará sobre «O Resplandor» por «streaming» desde Barcelona, pendente dos resultados dunha PCR tras estar en contacto cun positivo en covid-19.