¡Luces, cámara e acción! Silencio, rodando o Curtas, toma 2020

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O festival vilagarcián arrinca hoxe con dez días de programación sen desperdicio

23 oct 2020 . Actualizado a las 08:16 h.

Hai tres semanas o Curtas Festival do Imaxinario iniciaba a conta atrás da súa nova edición coa apertura anticipada das exposicións que enchen de cor e de contido os seus espazos de celebración. Hoxe o certame vilagarcián, cada vez máis centrado na ciencia ficción e no terror, pero sen abandonar calquera outra proposta con algo potente que dicir no fondo e nas formas da narrativa fílmica, levanta o telón. Faino coa proxección dos dous primeiros traballos a concurso nas tres seccións oficiais de longametraxes. A italiana Time Loop, co seu pase a partir das 16.30 horas, e a francesa Blood Machines, desde as 18.15, ambas no Salón García, no que se verán a ducia e media de películas e o case medio cento de curtametraxes en competición ao longo dos dez días do festival. En todos os casos, co aforo limitado a tan só 60 espectadores polas restricións a raíz da situación epidemiolóxica, con posibilidade de reservar, gratuítamente, un asento a través da aplicación que o Curtas estreou este ano en Google Play.

 Á finalización de Blood Machines comezará a proxección das primeiras curtametraxes, na sección oficial Fantástico, que servirán de prólogo ao acto oficial de inauguración da edición 2020 do certame vilagarcián. Un acto que comezará co discurso do seu director, Luis Miguel Rosales, e que continuará coa entrega do primeiro dos premios honoríficos concedidos este ano, neste caso ao guionista madrileño Javier Olivares, de cuxa cabeza xurdiron algunas das grandes series do imaxinario do espectador español, desde Los Serrano o Los Hombres de Paco a Isabel ou Víctor Ross, con El Ministerio del Tiempo elevándose á categoría de serie de culto no xénero da ciencia ficción. Recollido o seu premio, Olivares será un dos afortunados por poder gozar da proxección do clásico do terror O gabinete do doutor Caligari acompañado da música en directo do quinteto vigués Caspervek, unha das agrupacións musicais máis potentes no panorama europeo dos cine-concertos, que vén de reescribir a partitura que no 2015 creara ex profeso para o filme por excelencia do cinema expresionista alemán.  

As entradas para o acto de inauguración e posterior experiencia cinema-musical estaban xa onte esgotadas. Tamén as ofertadas para os diversos obradoiros de stop motion -técnica de animación que fai aparentar o movemento de obxectos estáticos cunha serie de imaxes fixas sucesivas-, de banda deseñada e de escrita activa que se farán mañá.

Si quedaban onte entradas para a singular obra de teatro que o grupo local Clámide escenificará mañá desde as 17.30 na Praza da Peixería. Unha peza na que un grupo de axentes do Ministerio del Tiempo debe retroceder ao pasado para que Vilagarcía non perda a praia Compostela. Un argumento que, apunta o director do Curtas, Luis Miguel Rosales, está «baseado nun caso real que moi pouca xente coñece».

Clase e pase de «O Resplandor»

Tamén mañá, e máis aló das proxeccións de longametraxes e de curtas das seccións oficiais e Retrospectiva que todos os días e ata o 1 de novembro se sucederán no Salón García, desde as 16.30 as fins de semana e a partir das 17.30 entre semana, o programa do Curtas ofrece o pase do clásico do cinema animado A viaxe de Chihiro (11 horas). Xa pola tarde, na sala de conferencias do Auditorio, sucederánse a presentación das obras que optaron ao concurso Contos arrepiantes para tremer a carón da lareira (17.30 horas), un encontro con Javier Olivares (18.15), a presentación por parte de Manel Loureiro, autor de Apocalipsis Z, da súa nova obra, La Puerta (19.15); e por último, a clase maxistral de Ángel Sala, director do Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Sitges, sobre a película de Kubrick O Resplandor.

A proxección deste último filme pechará, desde as 21.30 horas, a sesión sabatina no Salón García, previa entrega a Ángel Sala doutro dos premios honoríficos que este ano concede o Curtas.

Domingo cargado de presentacións de novelas para nenos e os que xa non o son

Máis aló das proxeccións de curtas e longametraxes, a terceira xornada do festival, o domingo, ofrecerá escoitar dos seus propios autores o que hai detrás das obras infantís e xuvenís «Guerreiras de lenda», de Maite Mosconi, e «Os Minimortos, benvido ao outro barrio», de Ledicia Costas e Mar Villar», así como da novela «O derradeiro decembro infinito», de Xosé Duncan. Ademais, Xan Eguía impartirá unha clase maxistral sobre o seu libro «Alien, unha teoría sexual».