Ravella adxudica a Marconsa a obra do albergue de peregrinos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os traballos teñen un prazo de execución de dez meses

14 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Goberno Local aprobará hoxe a proposta da mesa de contratación para adxudicar á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa (Marconsa) a obra do albergue de peregrinos de Carril. A oferta desta forma foi a mellor valorada das seis que concorreron ao concurso, ao rebaixar en 78.000 euros o prezo de licitación e ofrecer varias melloras en elementos eléctricos e de xardinería, ademais de ampliar en 12 meses o prazo de garantía que, deste xeito, chega a 2 anos. A actuación licitouse por importe de 600.000 euros e adxudícase por 522.000 (impostos incluídos). A actuación financiarase a través do Plan Concellos da Deputación.

A creación do albergue de peregrinos de Carril é un dos proxectos máis ambiciosos do goberno de Alberto Varela para o actual mandato e ten como obxectivo impulsar ao sector turístico local aproveitando a fonda tradición xacobea coa que conta Vilagarcía, punto de inicio da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa-Ulla, o camiño primixenio. A obra ten un prazo de execución de 10 meses.

Este novo servizo turístico crearase aproveitando a estrutura inacabada coa que no seu día ía a ampliarse a Casa de Cultura de Carril. O arquitecto Iago Fernández Puentes é o autor do proxecto de reforma do edificio para a súa conversión nun moderno e funcional albergue de 443 metros cadrados de superficie, con capacidade para 30 persoas e dotado de todos os servizos necesarios. A idea é que o edificio resultante semelle un miradoiro á ría, perfectamente integrado na contorna e inspirado nas arquitectura popular galega tradicional das vilas mariñeiras. Contará con baixo, primeiro andar e baixo cuberta, así como cun terreo anexo que se aproveitará como zona de recreo.

O albergue deseñouse baixo criterios de funcionalidade, eficiencia e calidade, e contará con todos os servizos que precisa un aloxamento para peregrinos: recepción, botiquín, zonas de estar, aseos, duchas, taquillas, dormitorios, lavandería, almacén, gardabicis, terrazas e zona verde.