A policía de Vilagarcía inmobiliza dous vehículos cuxos conductores se deron á fuga tras sendos accidentes

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O máis aparatoso ocorreu esta madrugada, en Cornazo, no que un coche que escapaba da Garda Civil petou contra o muro dunha casa

02 oct 2020 . Actualizado a las 22:30 h.

A Policía Local de Vilagarcía inmobilizou nas últimas horas dous turismos cuxos condutores se deron á fuga tras verse implicados en sendos accidentes de tráfico, causando danos materiais en ambos casos. No primeiro incidente, rexistrado onte á tarde na avenida Rosalía de Castro, non se puido identificar ao condutor, ao contrario que no accidente sufrido esta madrugada no camiño dos Borrizos, en Cornazo, onde, pese a ter fuxido e abandonado o vehículo, a identificación foi posible ao telo detectado previamente a Garda Civil, da que xa viña escapando, segundo informan desde o Concello de Vilagarcía.

O suceso máis chamativo foi este último, o producido en Cornazo sobre a unha e media da madrugada. A Garda Civil dera aviso á policía dun vehículo fuxido, localizándose minutos despois o Peugeot 306 negro en cuestión abandonado, tras empotrarse contra o muro dunha vivenda á altura do número 9 do Camiño dos Borrizos.

O condutor tamén se dera á fuga polo que, aínda que non puido ser identificado in situ, si que se puido tramitar a correspondente denuncia contra el por delito contra a seguridade vial ao telo recoñecido previamente os axentes da benemérita dos que escapara. A maiores, a policía local inmobilizou o coche, que carecía de seguro.

O accidente da avenida Rosalía de Castro produciuse ás 16.45 horas no cruce coa rúa A Xalda, onde un turismo colisionou contra o semáforo abandonando o lugar dos feitos. Grazas a testemuñas, tívose coñecemento do modelo e matrícula do coche que, horas máis tarde, foi localizado estacionado noutra zona do municipio.

Alcoholemia

Onte tamén se cursou unha denuncia por un delito contra a seguridade vial contra un condutor que quintuplicaba a taxa legal de alcoholemia. O infractor transitaba pola céntrica rúa Santa Eulalia mostrando claros síntomas de embriaguez, posto que circulaba a bandazos representando un claro perigo para o tráfico e os viandantes. O condutor que circulaba detrás del foi quen conseguiu detelo e avisou á policía. A proba de alcoholemia practicada arroxou unha taxa de 1,20, atopándose o límite máximo permitido en 0,25.