Os irmáns Coira, Duvi Paredes e Pedro Carregal, á fronte da primeira academia de tecnificación de fútbol de Arousa

Desde o vindeiro mes ofertarán no campo de San Miguel de Deiro clases de mellora específica complementarias, subliñan, ao labor dos clubs


vilagarcía / la voz

Academia de Tecnificación de Fútbol 360º. Este é o nome co que os irmáns Pablo e Carlos Coira, David Paredes e Pedro Carregal bautizaron a primeira iniciativa deste tipo na comarca. Unha proposta impulsada por catro amigos vilagarciáns e grandes coñecidos do fútbol arousán. No caso do primeiro, a nivel internacional, na súa calidade de campión do mundo Sub-20 coa España da quinta de Casillas e de Xavi Hernández e, hoxe, na súa condición de integrante do corpo técnico da Spanish Soccer School de Dubai.

A iniciativa, destinada a futbolistas de 6 a 16 anos interesados en mellorar calquera aspecto da súa formación técnica e física, arrincará o 13 de outubro, co campo de San Miguel de Deiro como centro de traballo. De partida, e ata que comecen os adestramentos os clubs federados, con opción ata dúas horas semanais de preparación en grupos de entre 4 e 6 xogadores por técnico e non máis de tres a un tempo, en franxas de 17 a 18 ou de 18.30 a 19.30 horas os luns, martes e mércores, con posibilidade de adestramentos específicos para porteiros. ¿O prezo? 40 euros de matrícula -inclúe un pack de material deportivo composto de camiseta, de pantalón, de medias, de sudadeira, de chuvasqueiro e de botellín- nun único pago e outros tantos ao mes por unha hora semanal, 75 se son dúas, e oferta de 50 euros con matrícula para os inscritos en outubro.

Carlos Coira explicou que a idea viña roldándolles pola cabeza ao seu irmán e máis a el desde había tres anos, froito do éxito que o Campus Internacional de Fútbol Pablo Coira -no 2019 celebrou a súa oitava edición- tiña ano tras ano: «Basicamente non levaramos a idea da academia adiante porque meu irmán está fóra -reside por motivos laborais en Dubai- e eu teño o meu traballo na Federación Galega de Tenis -é o seu coordinador de programas de base-. Pero este verán falaron connosco Duvi Paredes e Pedro Carregal, amigos nosos, e contáronnos que tiñan a mesma idea. Falamos, e decidimos facelo entre os catro, repartíndonos as tarefas».

Nesa distribución da xestión os irmáns Coira -Carlos é licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e adestrador de fútbol nivel II- centraránse en tarefas organizativas, desde a compra de material ata a xestión dos seguros, a relación cos pais, a confección e cambios nos grupos de traballo ou as redes sociais, mentres Paredes -axudante no Rápido de Bouzas e no Coruxo na 2ªB os dous últimos anos- e Carregal -técnico do Arousa de División de Honra Cadete-, adestradores nacionais, asumirán o peso do traballo de campo cos futbolistas.

Coira quixo subliñar que a Academia de Tecnificación de Fútbol 360º «non vai ser competencia dos clubs. Se cando pasen un ou dous anos algún pai dixera ‘¿Por que non montamos un club federado?' nós non o imos facer. Clubs hai de sobra. O que non hai na comarca é unha academia de tecnificación. Nós non imos ser competencia dos clubs. Nós ofertaremos unha formación complementaria aos seus adestramentos».

Coa fin de evitar temores entre as sociedades deportivas do balompé arousán, os promotores da academia vilanovesa «xa falamos con clubs da zona, e seguiremos facéndoo nos próximos días», sinala Carlos Coira. E polo momento, a resposta está a ser óptima. Ata o punto de que «xa temos dous clubs que nos falaron da posibilidade de asinar un convenio para enviarnos grupos dos seus xogadores que entenden poidan precisar mellora nalgunha cuestión específica».

Sendo todos vilagarciáns -o equipo técnico complétase con Javi Soto como adestrador de porteiros (éo do San Martín) e con Dani Vilas en labores de preparador físico (esta tempada no primeiro equipo do Céltiga)- Carlos Coira explica a decisión de levar a academia a Vilanova porque «en Vilagarcía o tema das instalacións está complicado, ao haber moitos clubs, e en San Miguel só hai un equipo sénior, que adestra máis tarde, o que nos facilita cumprir co protocolo anti covid-19». Os interesados poden informarse chamando ao 654 611 110.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os irmáns Coira, Duvi Paredes e Pedro Carregal, á fronte da primeira academia de tecnificación de fútbol de Arousa