O Arousa pecha o curso cun défice de 12.500 euros, e reduce en case 80.000 a nova previsión de gasto

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O buraco suma 8.000 euros pendentes da amortización da póliza de crédito e 4.500 pola baixada de ingresos por venda de entradas na Lomba

08 ago 2020 . Actualizado a las 21:10 h.

Inusualmente plácida. Así transcorreu a asemblea ordinaria do Arousa celebrada a primeira hora da noite do venres no Auditorio de Vilagarcía. Inusualmente plácida para o que viña sendo habitual desde a presentación en sociedade do un ano atrás candidato á presidencia do club Francisco Vázquez, acompañado da reacción visceral dunha parte reducida pero excesivamente ruidosa dos socios ante calquera pregunta ou apuntamento de Vázquez nas asembleas. O venres non foi o caso, e mesmo a presentación de 12.500 euros de défice pola directiva que preside Manolo Abalo foi asumido con total normalidade no medio da maior pandemia sufrida no planeta nun século.

A executiva do Arousa informou de 298.468 euros de gastos na tempada 2019/20 e de 293.966 euros de ingresos. Os 4.502 euros de diferencial foron atribuídos á perda económica derivada da baixada da venda de entradas aos partidos do primeiro equipo a raíz do exilio da Lomba, cun encontro disputado no Salvador Otero da Illa e o resto no Municipal de Vilaxoán. Os 8.000 euros restantes son a contía da parte que quedou sen pagar da anualidade correspondente da póliza de crédito solicitada para facer fronte ao diñeiro esixido pola Seguridade Social a raíz do caso de Pepe el utillero. Unha vez se paguen eses 8.000 euros inda quedarán outros 32.000 para saldar a póliza.

O tesoreiro da entidade, Manuel Cascallar, debullou as partidas de gastos e de ingresos. Respecto ás primeiras, informou de que as dúas maiores foron destinadas aos recursos humanos do primeiro equipo e da base: 199.000 euros en «compensacións económicas polo desenvolvemento da actividade deportiva» e 47.935 euros para «salarios e Seguridade Social». No capítulo de ingresos figuran cinco grandes vías: os carnés e cotas proporcionáronlle ao Arousa 100.000 euros, 61.150 as transferencias federativas, 42.147 os patrocinadores, 31.854 euros as subvencións públicas e 30.000 a publicidade e merchandising. 

Como coas contas da pasada tempada, a directiva recibíu o respaldo maioritario da asemblea ao seu orzamento 2020/21, que reduce a 221.250 euros. Unha baixada que, explicou, obedece á redución de 10 a 8 meses da tempada deportiva que vén pola pandemia.