Mon súmase ó novo proxecto do Arousa, do que se cae Pacheco

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIAN BAULDE

O club ten xa moi avanzados os capítulos de renovacións, de baixas e de descartes, e abrirá esta semana tamén o de reforzos

04 ago 2020 . Actualizado a las 21:48 h.

Os despachos da Lomba rexistraron este martes dous novos movementos no tocante á confección do cadro de persoal co que o pontevedrés Rafa Sáez contará na súa terceira tempada á fronte do vestiario do Arousa. Cunha renovación, a do mediocentro Mon, e cunha baixa, a do lateral dereito Pacheco.

Ao contrario cas tres saídas anteriormente anunciadas desde o club arlequinado, as de Dieste, Suso e Jorge Sáez, decididas polo adestrador, o de Pacheco é un adeus obrigado. Así, o Arousa explicou no comunicado da marcha do defensa que «debido a la incompatibilidad con su vida laboral no puede aceptar nuestra propuesta de renovación». Dito isto, os responsables da entidade vilagarciá quixeron salientar a «alegría, compañerismo y vitalidad» de Pacheco, que «deja una grandísima huella en el vestuario arlequinado. Desde aquí le deseamos la mayor de las suertes tanto en su nueva etapa deportiva como en su vida personal» tras poñer punto final a dúas tempadas defendendo a camisola do Arousa.

Polo que respecta a José Ramón Vives González, Mon, o mediocentro santiagués vivirá a súa primeira tempada completa no equipo vilagarcián, ao que chegou no peche do último mercado de inverno procedente do Compostela, equipo no que desenvolvera o groso da súa carreira como futbolista sénior, desde a tempada 2014/15. Mon asentouse desde o principio como pivote creativo no once titular de Rafa Sáez, disputando 504 minutos repartidos en 6 partidos de Liga desde a súa chegada ao vestiario da Lomba.

Rafa Sáez xa ten un «once»

Coa renovación de Mon, o adestrador do Arousa xa dispón dun once logo das renovacións anteriores de Manu Táboas, na portería, Adrián Gómez, Pedro García, Coti e Javi Fontán, na defensa, Sidibé e Julio Rey no centro do campo, e Róber, Javi Otero e Joel Sanabria na liña de ataque.

A falta de coñecer os destinos de Trapero, de Iago Martínez, de Manu Rodríguez e de Pedro Beda, o club anuncia o inminente peche dos primeiros reforzos.