Alberto Blanco asume a dirección técnica das seleccións base de Eslovaquia

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O vilagarcián compaxinaráa cos seus cargos na absoluta e no Inter

27 jul 2020 . Actualizado a las 21:00 h.

A comezos de xuño Alberto Blanco era anunciado como novo adestrador do Inter Bratislava, o equipo campión de tres das últimas catro edicións da Liga da máxima categoría do baloncesto de Eslovaquia, incluídas as dúas máis recentes. No último luns do mes de xullo o vilagarcián sumou a dito posto e ao de técnico axudante de Zan Tabak na selección absoluta masculina o cargo de director técnico das seleccións masculinas de formación do país centroeuropeo. Isto é, de todos os combinados incluídos entre as categorías Sub-13 e Sub-20.

Blanco declara estar «agradecido» pola confianza da Federación de Baloncesto de Eslovaquia, ao tempo que asume que a súa nova función eleva a súa esixencia profesional tanto no tocante á carga de traballo como na responsabilidade asociada. Circunstancia que abraza coa ilusión coa que encarou todos os retos que se lle foron poñendo por diante nas súas dúas longas décadas de traxectoria como adestrador no mundo da canastra.

Así, practicamente nada máis comezar a falar da súa nova ocupación, o arousán arríncase a debullar os seus plans á fronte da dirección técnica das seleccións masculinas de formación de Eslovaquia. Comezando por apuntar que «quiero crear una base de datos de todos los jugadores de 13 años para arriba, localizarlos y monotorizarlos. Quiero asegurar la igualdad de condiciones de los niños eslovacos» á hora de acceder ás seleccións «independientemente del tamaño de su club».

No tocante ao capítulo dos adestradores, os plans de Alberto Blanco pasan por «contar con un grupo amplio, que no sea un grupo cerrado como he visto en otros sitios, que pueda trabajar el máximo de gente posible».

Por último, entre os deberes autoimpostos polo vilagarcián nesta tempada que asinou como director técnico das categorías de formación eslovacas figura «intentar crear una base y un estilo de juego común».

Con todo o anterior, a intención última máis aló dos resultados puros e duros nun campionato é a de «mejorar la capacidad de captación de jóvenes hacia el baloncesto», facendo medrar unha Federación que conta tan só «con unos 5.000 jugadores de 90 clubs», sinala Alberto Blanco.

É este tamaño o que lle permite de feito ao arousán compaxinar o cargo coas súas outras dúas ocupacións, a carón de Zan Tabak e á fronte dun vestiario profesional por primeira vez na súa carreira. Tamén pensar en crear esa base de datos detallada de baloncestistas que recolle a súa axenda.

«Son cada vez más cargos de responsabilidad y me tendré que entregar a tope», comenta Alberto Blanco, que ante as cada vez maiores dúbidas sobre o inicio das ligas profesionais, mesmo nun país afortunadamente tan pouco castigado polo covid-19 coma Eslovaquia, ve na súa nova ocupación a oportunidade de «si se paraliza la competición, poder seguir trabajando; entiendo que es una suerte» nestes tempos.

Breves vacacións

Alberto Blanco pasa uns días de descanso en Vilagarcía tras completar unha concentración de doce xornadas coa selección eslovaca absoluta; os oito últimos, compartindo a súa dirección xunto co outro axudante dun Zan Tabak que tivo que iniciar o traballo co equipo polaco que dirixe. No caso do arousán, o 5 de agosto incorporaráse ao Inter Bratislava para iniciar doce meses de traballo practicamente sen descanso.