Julio Rey, primeiro xogador renovado no Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O centrocampista vilagarcián encadeará a súa quinta tempada no club

28 jul 2020 . Actualizado a las 21:13 h.

A directiva do Arousa comunicou a última hora da tarde do luns o primeiro froito da rolda de conversas que vén de abrir cos xogadores do equipo co que disputou a primeira fase de ascenso a Segunda División B en 27 anos. Julio Rey Abalo, un dos catro capitáns arlequinados durante a tempada 2019/20 e un dos máximos expoñentes do traballo de canteira da entidade este século, convertíuse na primeira peza do que será o terceiro proxecto deportivo de Rafa Sáez á fronte do vestiario da Lomba.

Julio Rey, reconvertido polo adestrador pontevedrés de mediapunta a centrocampista de creación, encadeará así a súa quinta tempada coa camiseta do club no que se formou antes de xogar o seu último ano xuvenil na canteira do Espanyol, para saír cedido no seu primeiro ano sénior ao Pobla de Mafumet do grupo catalán da Terceira División. Tras outro ano máis ca discreto no C.D. Ribadumia, o vilagarcián voltou ás filas do Arousa. Nesta última campaña, asentado no once titular ata que unha desafortunada acción no treito final da primeira volta da Liga lle custou un cóbado roto. Ata entón fora convocado a 17 partidos, xogando 16, en 12 deles coma titular, acumulando 884 minutos de xogo nos que anotou 1 gol.