A plataforma de veciños de Vilaxoán concentraráse para esixir semáforos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Reclaman que se atenda a vella demanda da regulación do tráfico na intersección da rúa San Cibrán coa Avenida de Cambados

24 jul 2020 . Actualizado a las 21:34 h.

Dúas semanas atrás reuníanse con membros do goberno local de Vilagarcía no lavadoiro de Vilaxoán para reclamar a recuperación deste elemento patrimonial e aproveitar para presentarlles toda unha serie de peticións para a mellora das condicións de vida e os espazos comúns da veciñanza vilaxoanesa. Entre ditas medidas figuraba a colocación dun paso de peóns e uns semáforos na intersección da rúa San Cibrán coa Avenida de Cambados que permitan recuperar o que consideran «a saída natural de toda a vida» de Vilaxoán cara Cambados, pero tamén Vilagarcía. Unha reivindicación esta última que a plataforma de veciños que comezou agromar o pasado outono visibilizará o venres cunha concentración no lugar a partir das 21 horas.

Francisco Javier Alcalde é un dos arredor de 70 veciños que se están a xuntar en asembleas populares «segundo xorden os problemas de Vilaxoán», en tanto non se sinten representados pola asociación legalmente constituída e que en cuestión de días elixirá nova directiva. Alcalde deixa claro que nin el nin ninguén lideran unha plataforma «sen cabecillas», que tan só pretendería facer escoitar a voz dos vilaxoaneses ante o seu «cabreo e insatisfacción cos políticos que levan gobernando Vilagarcía nos últimos anos», sen distinción, salienta, de partidos.

«Somos xente de diferentes ideoloxías. Non queremos mesturar a política na plataforma. A división pola política que houbo sempre en Vilaxoán foi o problema nestes anos», opina Alcalde, ex presidente do Club de Remo Vilaxoán, que lembra que foron varios os presidentes da Asociación de Veciños os que reclamaron desde hai máis de dez anos o paso de peóns e os semáforos para una intersección que só lles permite xirar aos vehículos cara Cambados. Na véspera da concentración, a plataforma, sen entidade xurídica, protestará mañá ás 12 ante a oficina de Abanca contra as súas novas comisións.